Ortigueira chora a morte de Mónica Camba, mestra e integrante da Escola de Gaitas

LA VOZ ORTIGUEIRA

ORTIGUEIRA

CESAR TOIMIL

«Era unha muller alegre e vital, levaba moi ben cos nenos», evocan compañeiros do CEIP José M.ª Lage

13 mares 2019 . Actualizado ás 09:39 h.

Ortigueira chora o falecemento de Mónica Camba Díaz, que será enterrada esta tarde no cemiterio de Santiago de Mera (o funeral oficiarase na igrexa parroquia de Santa Marta). Tiña 46 anos e era mestra, como o seu pai, Manuel, orixinario de Merille (Ourol), que recalou moi novo na escola unitaria de Mera de Arriba. Alí coñeceu á súa muller, Concepción, de Mera de Abaixo, e tras a construción do CEIP José María Lage, trasladáronse á vila. O primeiro destino de Mónica, licenciada en Filoloxía Inglesa, foi en Boiro, como lembraban onte compañeiras do colexio ortegano, onde traballaba desde hai 11 anos (antes impartiu clases en Cedeira ou As Pontes).

«Era moi activa e moi alegre, os nenos bótana moito de menos [levaba de baixa desde outubro], falaba con todo o mundo e cos nenos levaba moi ben. Era moi traballadora e moi responsable», contan no CEIP. Desde o curso pasado, cando cambiou a directiva do centro, fíxose cargo do comedor. «Estaba encantada, e os cociñeiros igual con ela, sempre preocupada polos menús, por traer produtos de primeira calidade», abundan. «Tamén era moi fiestera, gustáballe saír os venres, quedar cos amigos. Sempre estaba aí», resume outra docente, coa voz entrecortada.

A Escola de Gaitas de Ortigueira foi a súa outra casa. «Foi gaiteira moitos anos, desde noviña, e as súas fillas están na banda, unha toca a gaita e outra a pandereita. Estivo toda a vida vinculada á Escola [formaba parte da actual directiva, como vogal], colaborando no festival, sempre coas bandas... Era unha persoa de dez», sintetizaba onte Bruno Lozano Novas, presidente da entidade.

Homenaxe no Son Cervexeiro

A morte de Mónica chegou a poucos días do Son Cervexeiro, programado pola Escola de Gaitas para o sábado. «A primeira decisión foi aprazalo, porque non temos gañas nin humor para a festa, pero algo nos dixo a todos a mesma frase: ‘Mónica non nos deixaría aprazar nada'», explican. E optaron por manter a cita e convertela nunha homenaxe á súa amiga, a veciña á que chora Ortigueira, «unha muller comprometida e amable, que sempre saudaba e falaba con todo o mundo, moi querida».