Os hostaleiros orteganos tampouco atopan persoal no inverno

A. F. C. ORTIGUEIRA / LA VOZ

ORTIGUEIRA

I. F.

Varios locais teñen dificultades para completar os persoais, algo que antes só ocorría durante o verán

21 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Os problemas para atopar persoal na hostalería ortegana veñen de lonxe, pero antes só se daban durante o verán, cando se dispara a demanda no sector. Agora, varios locais da comarca atopan dificultades para completar os persoais, tamén en pleno inverno. O restaurante O Galeón, de Loiba (Ortigueira), leva dous meses nesta situación. «Empézame mañá [por hoxe] a camareira, que non puido estar desde decembro. Nesta zona non atopas xente para traballar», explica Mónica Iglesias Vale, responsable da cociña. Conta que o martes, con 27 comensais ao mediodía, viuse obrigada «a andar correndo da cociña para o comedor».

A poucos quilómetros de alí, na hospedaxe e restaurante A Goleta, no Barqueiro, necesitan unha persoa para as fins de semana. «Buscamos camarer\. Non necesaria experiencia», indican na súa páxina da rede social Facebook. «Así está todo o mundo... No inverno só abrimos de venres a domingo. É complicado manter á xente que tes traballando no verán porque non che dan os números para cubrir os gastos reais da empresa», apunta Ramón Real, propietario do establecemento, xunto á súa muller, Ana Domínguez.

María Dolores Vázquez, responsable da pensión e cafetería As Pombas, de Espasante, logra conservar a parte do persoal ao longo de todo o ano. «Non é nada doado, eu adáptome e eles adáptanse», recoñece. Admite, en todo caso, as complicacións para conseguir empregados. «Ás veces penso que non hai xente para traballar, por un problema demográfico, e ás veces, que a xente non quere traballar», confesa. E teme que, a medio prazo, vólvase «inviable abrir os negocios todo o ano».

Por que resulta tan difícil contratar cando, segundo os últimos datos oficiais da Xunta, na comarca de Ortegal hai 572 parados? «Antes, a xente queixábase, e moitas veces con razón, das condicións, moitas horas e salarios baixos, pero iso xa non é así... Non se que lle pasa á xente coa hostalería, mesmo persoas con necesidade de traballar, pero que escapan disto aínda que lles ofrezas emprego para todo o ano», expón Santiago Villasuso. Na cristaleira da súa cafetería, Alameda, en Ortigueira, figuraba, ata hai uns días, un cartel de búscase camareiro». «E eu vou tendo sorte -admite-, outros se viron obrigados a pechar por falta de xente».

Para Lois Iglesias , do restaurante Brisa, de Cedeira, a principal traba radica «na falta de profesionais de hostalería». As consecuencias agrávanse durante a campaña estival, cando se multiplica a clientela e, xa que logo, as necesidades de persoal. «No verán -apunta Villasuso-, sálvannos os estudantes». Poboacións próximas como Viveiro sofren os mesmos problemas que a comarca de Ortegal.