«Nas aldeas o centro social é a taberna»

ana f. cuba ORTIGUEIRA / LA VOZ

ORTIGUEIRA

I. F.

Emiliano Iglesias , Milocho, bisnieto da fundadora, leva 60 anos no negocio, onde se vende «case de todo»

10 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Ninguén a coñece polo seu nome, Tenda Bar, como ninguén pregunta por Emiliano Iglesias (77 anos), propietario, xunto á súa muller, Mari Carmen Guerreiro (73), do Polvorín, o único establecemento que queda na parroquia ortegana de Freires. «No ano 1948 eramos 273 veciños e hoxe non chegamos a cincuenta», comenta Milocho, como todos chaman ao bisnieto da fundadora do negocio. Josefa Río Bouza, costureira, abriu unha pequena tenda en 1890 en Devesos. «Empezou nas feiras, levaba na pañoleta roupa que cosía ela, logo empezou coa tenda e meteu bebida, porque alguén lle dicía ‘se tiveras un augardente’, despois algo de comida... e así foi aumentando», relata Mari Carmen.

A familia mudouse ao Saído, en Freires, e alí seguiu o negocio, ata que restauraron a vivenda onde se atopa agora, moi preto, unha casa en ruínas onde, segundo dicíase, gardábanse as ferramentas e os explosivos da canteira de cuarzo que había en fronte. De aí o sobrenome. Polo Polvorín pasaron a avoa, Elisa Río Bouza, e a nai, Marina Bocelo Río, de Milocho; e o seu pai, Manuel Iglesias Casanova, de Barbos. «Eu nacín na tenda de O Saído», conta o último desta saga familiar de tendervos, con seis décadas detrás do mostrador. «Cando chegou a luz eléctrica a Freires eu tiña catro anos, recordo os candís e as luces de carburo». Na posguerra, os anos do racionamento, vendían «do que había», case todo a granel: «Café, aceite, conservas ou bacallau salgado, pezas grandísimas, daquela era a tenreira dos pobres e agora é a dos ricos». Muchos pagaban en especies, «ovos, trigo ou millo».

Na Tenda Bar non falta nada, aínda que Mari Carmen confesa que «todos os días chega alguén pedindo algo raro, con iso de que ‘aquí hai de todo’, e a tanto non se dá chegado». O Polvorín é estanco, tenda de comestibles (con froitería, charcutería ou carne salgada) e bebidas; bazar, entre potas e caldeiros; e droguería. As ristras de chourizos locen xunto aos xamóns e as cabezas de porco. Hai chocolate, do bo, pastas, legumes, iogures ou queixos, todo de primeiras marcas.

Un luxo de clientela

«Nós competimos co trato coa xente, cos grandes non podemos competir en prezos», conclúe Milocho. «Este é un sitio de paso -está ao pé da AC-101, a estrada que vai de Ortigueira ás Pontes, a poucos metros da rotonda de Cuíña-, é do que vivimos, porque na parroquia quedamos moi poucos. Os clientes si que non os cambiamos por ninguén, veñen das Neves, de Senra, do Ermo... Coincídelles ben e fan por vir... Grazas que fan por vir», aplaude Mari Carmen.

O Polvorín abre de luns a domingo, de sete da mañá a dez da noite. «Se cerro un día pásoo moi mal, abúrrome. O que máis me gusta é o trato coa xente; se paran de vir, eu acabei», recoñece Milocho. Ao seu lado, Isabel Ramil, veciña de Insua, empregada desde 2010. «É a encargada», di. Os clientes acomódanse no local, uns abacélanse na barra e outros fan a compra da semana. «Nas aldeas o centro social é a taberna», sentenza Milocho. O Polvorín resiste: «É difícil, aguantamos coma os últimos de Filipinas, isto acábase».