Falece «don Eladio», o párroco que bautizou «a media parroquia de Loiba»

LA VOZ ORTIGUEIRA

ORTIGUEIRA

CEDIDA

Patricio Eladio Felpeto Novo naceu en Boizán, en Vilalba hai 87 anos, e pereceu o xoves en Ferrol

09 feb 2019 . Actualizado ás 08:52 h.

«Morreu "don Eladio". Bautizou a media parroquia de Loiba, botou aquí moitos anos [preto de 60] e miraba por todos», comentaba onte una das veciñas ás que bautizou Patricio Eladio Felpeto. Naceu en Boizán (Vilalba) hai 87 anos e faleceu o xoves en Ferrol, onde residía desde que a súa enfermidade se agravou, fai case catro anos, xunto ao seu irmán. En Loiba, moitos lembran o R-10 de cor verde, o seu primeiro coche: «Compráronllo vos veciños e tennos levado nel á escola». A el tamén se atribúen as xestións para reformar a igrexa e hai uns anos, cando se cumpriron 50 da súa chegada á parroquia, recibiu unha homenaxe.

O patrón maior do depósito de Espasante, José Luis Martínez, explica que «don Eladio» foi o secretario da confraría de pescadores, con José Barcón de presidente, e un dos promotores da construción do espigón. Francisco J. Martínez Prieto, párroco de Ortigueira, indica que impulsou a obra da actual igrexa de Céltigos e tamén exerceu, por etapas, en Espasante e Ladrido. A eucaristía do domingo, ás seis da tarde, na igrexa de Loiba, oficiarase en memoria de Felpeto Novo (segundo pola esquerda na fotografía).