Catro anos en branco para a área de autocaravanas próxima ao soado banco de Loiba

La Voz ORTIGUEIRA

ORTIGUEIRA

ANXO MANSO

O goberno local confirma que non abrirá o equipamento turístico neste mandato

23 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A pesar do auxe das autocaracavanas na comarca, o goberno de Ortigueira renuncia a adoptar calquera medida no que queda de mandato para pór en funcionamento a área de aparcadoiros construída polo anterior goberno do PP en Loiba, para afastar da primeira liña de costa as múltiples «casas rodantes» que chegan á parroquia atraídas polo seu soado banco.

Sosteñen desde o executivo de Juan Penabad que esta infraestrutura turística herdada «non cumpre os requisitos para funcionar como área de autocaravanas polo seu emprazamento».

Explican que as opcións para «legalizala» serían facer un Plan especial do equipamento para emendar o problema ou ben recalificar o chan onde se atopa ao acometer a redacción do novo Plan de Urbanismo, un proxecto tamén pendente. En calquera caso, explican que mesmo a opción máis «rápida» require de trámites complexos «polo que non será posible executala antes de que finalice o mandato», conclúen.

A apertura da área de caravanas, na que se investiron máis de 250.000 euros (dispón de punto de vertedura, recepción, baños, duchas e lavadoiros), foi un cabalo de batalla do PP e mesmo dos non adscritos, que sosteñen que a actuación contribuiría a dinamizar o municipio.