Coro de pequenos con voces grandes

Bea Abelairas
Bea abelairas FERROL

ORTIGUEIRA

José Pardo

Son máis de 20 os nenos que se uniron ao Concerto tempiño e tras sete ensaios os seus profesores descubriron algúns tons fóra do común

15 novs 2018 . Actualizado ás 08:52 h.

Xusto cando arrincaba o curso escolar catro integrantes do coro Concerto Tempo comezaron a buscar canteira para crear outra formación musical infantil. En menos de mes e medio non só teñen xa un grupo fundado, senón que contan cun calendario de concertos e moita ilusión ante o potencial co que se están atopando nalgúns menores: «Algúns veñen do conservatorio, pero a verdade é que a maioría non e estamos descubrindo características moi prodixiosas e boas», conta José Antonio García, o director, que tamén é profesor de música no instituto de Ortigueira.

O lugar de ensaios é o centro cívico de Canido, que precisamente será o escenario no que se estreen ante o público o próximo mes de decembro. Agora mesmo os sábados pola mañá que ensaian están realizando un traballo que non só implica o traballo da voz e dun repertorio moi especial, senón tamén da posta en escena coa axuda de Patricia Rodríguez, profesora de técnica vocal, e de Eva Faraldo, profesora de expresión corporal e musical do colexio Cruceiro de Canido.

Piratas

Joel Crespo é o pianista acompañante que conecta moi ben cos novos cantores, porque ten 17 anos e estuda segundo de Bacharelato. Agora mesmo están preparando unha canción que encanta aos nenos porque conta unha historia de mar con piratas: «Con Ondas a babor estano pasando moi ben», conta o responsable dunha formación con alumnos que cursan desde primeiro a sexto curso de Primaria, pero que se complementan moi ben.

Os fundadores de Concerto tempiño tamén quixeron buscar un repertorio especial, que enganche aos nenos e por iso recorreron a cancións de coros americanos e con temas en inglés.

Outro coro xuvenil

«A verdade é que lles gustan», relatan sobre unha formación que só leva sete ensaios, aínda que parecen moitos máis. Precisamente pola boa marcha desta formación musical os promotores están a pensar en crear un coro xuvenil. «Imos facer outra convocatoria, pero tanto os que queiran formar parte de este coro para nenos maiores ou os que queiran entrar en Concerto tempiño poden mandar a inscrición por correo electrónico a dirección corodenenos.ct@gmail.com cos datos do tutor e do neno», conta o director dun coro que xa ten dúas actuacións pechadas e que participará nun certame con outras formacións galegas. «Ademais do concerto de presentación o 29 de decembro -di un dos profesores- Concerto tempiño actuará ás 20.30 horas na Capela da Merced xunto ó seu coro matriz, Concerto Tempo, no tradicional concerto de Nadal que o coro Ferrolán ven ofrecendo tódolos anos».

Por agora non hai nervios entre os pequenos, porque ven esta actividade como unha experiencia divertida, pero xa hai plans máis ambiciosos: «Para abril ou maio do ano que ven Concerto Tempiño participará nun encontro de coros infantís que terá lugar no teatro Jofre».

Os concertos

22 de decembro. No mesmo espazo que ensaian, o centro cívico de Canido será o recital.

29 de decembro. Ás 20.30 na capela da Mercé (praza de Amboage). En abril haberá outra actuación.