O IES revolucionou Ortigueira en 1978

ana f. cuba ORTIGUEIRA

ORTIGUEIRA

CEDIDA

Alumnos e profesores que pasaron polo centro nos inicios narran as súas vivencias e destacan, 40 anos despois, o relevante papel do primeiro instituto da comarca

25 ago 2023 . Actualizado ás 18:10 h.

A creación do Instituto Nacional de Bacharelato, hoxe Instituto de Ensino Secundario, «a mellor obra do século XX en Ortigueira», en palabras de Modesto Cheda, conserxe durante 15 anos, supuxo unha revolución socioeducativa e cultural na comarca, en plena Transición. E permitiu «democratizar a educación non Ortegal», recalca Bernardo Penabade, alumno daquel curso inaugural de 1978-1979, que despois exercería de profesor en prácticas. Durante o primeiro ano, as clases impartíronse nunha maltreita instalación, onde está a Escola de Música, con mozas de Ortigueira, Cedeira, Cariño, Cerdido e Mañón. Ao curso seguinte estreouse o edificio actual. Exalumnos e exdocentes celebraron onte o 40 aniversario.

«Sen o IES, a metade dos que fomos o primeiro ano non poderiamos estudar»

Para o profesor Bernardo Penabade (Grañas do Sor, 1964), a apertura do IES de Ortigueira resultou «determinante». «Un 50 % dos que fomos ao primeiro curso non poderiamos estudar se non se abrira [as alternativas eran Viveiro ou Ferrol, inviables para moitas familias]», estima. No seu caso, hai varios agradecementos: «O milagre de que tiña unha tía en Ortigueira e tres benefactores, veciños con coche que me levaban os venres para a casa e o domingo de volta». E é que, remarca, moito daqueles estudantes debían combinar escola e traballo (en casa). Visto desde hoxe, «o edificio do primeiro ano era unha miseria, dunha precariedade enorme, mais daquela resultou providencial [...], foi unha maneira de democratizar a educación non Ortegal». Alí aprendeu dos libros, «e tamén escola de cidadanía, coas primeiras conferencias, os primeiros recitais e as primeiras asembleas». Todo, recalca, «grazas ao equipo humano que abriu o IES, de luxo», e cunha presenta clave, «a administrativa, Esther Garcinuño, que acaba de xubilarse; ela deulle continuidade ao centro».

«O que lembro e polo que regreso a Ortegal é a xeoloxía e a ornitoloxía»

O recoñecido fotógrafo Manuel Vilariño (A Coruña, 1952) estreouse como docente de secundaria no IES de Ortigueira. Máis que as clases, evoca a paisaxe: «O que máis recordo e polo que regreso a Ortegal é a xeoloxía, incrible entre os cantís de Cedeira e Cariño, e en Espasante; e a ornitoloxía, setembro en Estaca de Bares é un paso de aves marabilloso. E algunhas persoas polas que teño afecto, mozos aos que coñecín alí». «Non me importou vivir aí, é unha das zonas máis privilexiadas que coñezo en Europa, o contrapunto desa luz torpe, fría, xélida e ese mar aberto, lembrábame moito a Islandia. É un sitio fantástico», repite, pendente de expor algún día as súas fotografías da zona.

«Moitas familias acollían aos mozos que viñan de Cedeira ou de Cariño»

Ata 1978, os orteganos que querían ou podían estudar tiñan que facelo en Viveiro ou Mondoñedo, como os irmáns de María Permuy (Ortigueira, 1964), ou en Ferrol. «Foi moi bonito poder quedar aquí e tamén viñan os mozos de Cedeira e de Cariño, moitas familias acollíanos porque non había infraestrutura para ir a casa», rememora. Resalta o papel do profesorado, «coa mente máis aberta». A orientadora do IES María Sarmiento (Viveiro) resúmeo así: «Foi unha gran vantaxe e a oportunidade de estudar para familias que non poderían haberllo pagado fóra».

«Había profesores que nos abriron os ollos á cultura, marcoume»

José Francisco Carro (Cuíña-Ortigueira, 1959) cursou BUP en Viveiro e COU no IES ortegano. «Estar na casa, evitar desprazarte e pagar a pensión... Aquilo marcoume; foi unha revolución, había profesores que nos abriron os ollos á cultura e á literatura galega [el estudo Filoloxía Galego-Portuguesa e dá clases nun instituto de Rianxo], liamos textos que non leramos na vida», subliña. Pero non todo o mundo entendía o que estaba a ocorrer: «Viñamos da ditadura, Franco morrera tres anos antes e as forzas vivas de Ortigueira non vían ben ir contra o réxime; algúns profesores tiveron problemas e recibiron ameazas, viñan da universidade, acababan de licenciarse [...]. Quizais foron os mellores anos da miña vida».

«Eramos novos e con mentalidade de cambio, ideolóxico e pedagóxico»

José Ramón Iglesias (Siero-Asturias, 1956) incorporouse ao IES en 1981. «Era a miña primeira praza tras sacar a oposición, había uns 200 alumnos e uns 20 profesores, cunha relación estreita. Hai que contextualizarlo, saïamos do golpe de estado, acababa de aprobarse a autonomía de Galicia e empezaba o proceso de normalización lingüística [...]. Eramos moi novos e iamos con mentalidade de cambio, ideolóxico e tamén pedagóxico», destaca o secretario da Academia da Llingua Asturiana.

«Fun a única da familia que puiden estudar aquí, era un aforro para os pais»

Os seus irmáns estudaran en Asturias e en Madrid. «Fun a única da familia que puiden facelo aquí, estivera dous anos en Viveiro e ao abrir o IES non tiña que pasar a semana fóra da casa; era un aforro para os pais», relata Loli Rubido (Ortigueira, 1961), fundadora da empresa Roteiros, pioneira no norte de Galicia no campo dos guías turísticos. Aquel curso «non había instalacións deportivas nin case nada, unha aula e pouco máis, iso si, con 15 ou 16 alumnos, fronte aos 45 de Viveiro». «Foron anos de moitos cambios, pero non tiven a oportunidade de estudar en galego, aínda que en Viveiro había moito movemento nacionalista [...]. Optei por facer os exames en galego, arriscándome a ter peores notas», repasa.

«Era un neno de aldea, abrín os ollos o que puiden e empapeime de todo»

Tras un ano na academia de «don Severino», en Cedeira, Santiago Rodríguez (Cerdido, 1964) incorporouse ao IES xa no edificio actual. Durante o primeiro curso levantábase ás seis, percorría catro quilómetros en vespino ata a casa dun veciño, que lle levaba en coche xunto á súa filla á estación do tren. «Chegaba a casa de noite, con medo [con 14 anos e sen iluminación], fame e poucas ganas de facer os deberes ou estudar», narra. Ao ano seguinte, unha señora contactou con pais de Cerdido, Moeche e Mera e contrataron «un bus destartalado, que conducía Porfirio» e permitíalles aforrar tempo. «Era un neno de aldea, moi curioso e tímido, e abrín os ollos o que puiden e empapeime de todo. Tiña aos profesores nun pedestal, como deuses, admirábaos; axudoume a seguir estudando e aprendendo toda a vida», agradece este militar retirado.