Neda desmárcase do punto limpo de Vilar do Colo

La Voz FENE

NEDA

CESAR TOIMIL

A infraestrutura ambiental leva pechada desde a súa construción fai máis dun lustro

13 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Un paso adiante e dous atrás. O proceso para pór en marcha o Punto Limpo, impulsado en 2013 polos concellos de Fene e Cabanas de Vilar do Colo, parecía encarrilado, pero sufría nas últimas semanas un novo revés. Tras anos de xestións entre os cinco concellos que ían utilizar as instalacións, un deles, o de Neda, descólgase do proxecto ambiental.

O argumento do alcalde nedense, Ángel Alvariño, é contundente: «Os servizos económicos municipais informaron en contra porque o custo de incorporación prexudicaríanos». Detalla o rexedor que, na actualidade, o Concello mantén un acordo con Recinor que rolda os 7.000 euros anuais por xestionar os voluminosos da localidade e que o custo de utilizar o punto limpo de Vilar do Colo esixiría un investimento que superaría os 18.000 ao ano.

A saída de Neda, tras anos apostando por sumarse ao proxecto intermunicipal, podería implicar a repetición de varios dos pasos xa dados por parte dos outros concellos implicados (Fene, Cabanas, Ares e Mugardos). Apunta o novo alcalde de Fene, Juventino Trigo, que nos próximos días convocará aos alcaldes para abordar a situación e ver se precisan ou non levar novamente a pleno o convenio actualizado para o uso conxunto da infraestrutura ambiental, así como abordar a repartición de gastos derivados do funcionamento da mesma (uns 106.164 euros), que se distribuirían en función da poboación.