Detido o home que agrediu cunha fouce a outro no campamento de Freixeiro, ata facer perigar a súa vida
NARÓN
A vítima sufriu un profundo corte na perna e tivo que ser atendida a 100 metros do asentamento de Narón, un dos principais puntos de venda de droga de Galicia; a detención foi realizada pola Policía Nacional e o autor dos feitos xa está en prisión
30 oct 2025 . Actualizado á 17:12 h.Segundo confirma a Policía Nacional, xa foi detido o autor dunha agresión perpetrada cunha fouce no campamento de Freixeiro. A vítima acudira a este asentamento de Narón, supostamente a comprar droga. E foi agredido por un dos moradores desta zona, tras unha discusión. O autor dos feitos xa está en prisión.
Fontes policiais indican que o dispositivo de seguridade despregado foi determinante para realizar a detención, a cargo de axentes da Comisaría de Ferrol-Narón. E destacan «a gravidade das lesións producidas que facían temer pola vida da vítima». O agresor utilizou unha fouce para producir á outra persoa un profundo corte na perna. «A vítima foi auxiliada por outras dúas persoas que, ao comprobar o estado do ferido, chamaron aos servizos de emerxencia», indican desde Comisaría.
Os servizos sanitarios asistiron a este home a uns 100 metros do asentamento, para despois trasladalo ao Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF). E os axentes «iniciaron xestións desde o primeiro momento, localizando indicios que deixaban claro cal fora o lugar dos feitos e orientaban a investigación para a posible autoría». Xa ao día seguinte constatouse a identidade do autor polo que se realizaron xestións para proceder á súa detención en cuestión de horas. Tras prestar declaración xudicial, o autor dos feitos xa está en prisión.
O campamento de Freixeiro é un dos maiores puntos de venda de droga de Galicia, e incluso do norte de España.