Narón acende o venres a súa iluminación do Nadal e inicia a campaña de recollida de xoguetes

La Voz NARÓN

NARÓN

ANXO MANSO

01 dic 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

As luces de Nadal acenderanse en Narón este venres, ás 18.30 horas. Como é habitual, celebrarase cun acto nos xardíns da residencia San José, en Piñeiros. Será a rexedora local, Marián Ferreiro, a encargada de oficiar o aceso da árbore natural de 25 metros de altura fronte ao centro de maiores.

Haberá degustación de castañas asadas para os asistentes e un grupo de «elfos encantados» visitarán a zona para facerse fotos cos máis pequenos.

Entre a zona urbana e a rural, instaláronse máis de 250 pezas, entre arcadas, rótulos e outros adornos. Ornamentarán o municipio ata o día 7 de xaneiro.

Tamén de cara ás festas, o centro de Recursos Solidarios, en colaboración co Concello, pon en marcha un ano máis a campaña solidaria Regala sorrisos. Instalaranse huchas nas jugueterías locais O Muíño do Fabal, Din&Don, Hiper Froiz e Todo Lecer (Lego ), para doazóns económicas. Os xoguetes usados recolleranse nos centros de Primaria, na biblioteca municipal, no centro comercial Hiper Froiz, na zapatería Patito de Goma da Gándara, na juguetería O Muíño do Fabal, no South Park Odeón e no ximnasio Altafit.