O PSOE denuncia deficiencias no centro de saúde naronés

La Voz NARÓN

NARÓN

CESAR TOIMIL

03 sep 2021 . Actualizado ás 09:26 h.

O Partido Socialista de Narón criticou onte as condicións nas que se puxo en marcha o novo centro de saúde naronés, situado no Camiño do Lodairo, entre O Alto e Freixeiro.

O novo edificio sanitario entrou en funcionamento a mediados de xullo, tamén como Punto de Atención Continuada (PAC) de Valdoviño e Neda.

Segundo asegurou onte o secretario xeral da agrupación socialista naronesa, David Pita, «hai fallos estruturais, funcionais e de servizos no centro e vimos de reclamar por escrito á consellería». E continuou: «A súa inauguración estaba prevista para o 2011. Pero tiveron que pasar dez anos. Despois de facer unha análise polo miúdo vimos os fallos estruturais, funcionais e de servizos como que está inaccesible en certos aspectos de mobilidade e que so hai un ascensor. Son varias cousas que cremos que se deben a un mal deseño por parte dos técnicos da Xunta e do arquitecto e vemos que hai unha mala planificación dos servizos», aseverou.

Pita subliñou que «unha das reivindicacións do grupo municipal socialista era o servizo de radioloxía para o novo centro. Tiñamos no proxecto a modificación realizada e si que se puxo radioloxía, pero non se implantaron técnicos nin persoal necesario para poder desenvolver o servizo. Esperamos que tomen nota das medidas que pedimos», recalcou o socialista.

O inmoble conta cunha superficie de máis de 4.000 metros cadrados dedicada á sanidade pública, nunha parcela de 6.000 metros cedida polo Concello, ademais doutra para aparcadoiro.