As carreiras de obstáculos regresan o domingo a Narón con preto de 300 inscritos

M. A. NARÓN

NARÓN

CEDIDA

O polígono de Río do Pozo albergará a segunda edición da proba, con percorridos para adultos e para os máis novos

31 ago 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Uns 300 competidores participarán o vindeiro domingo na segunda edición da carreira de obstáculos (OCR) Cidade de Narón. A cita deportiva, que se desenvolverá na parcela de Río do Pozo preparada para tal fin, foi presentada onte polo edil de Deportes, José Oreona, que estivo acompañado por David López e Jorge Prado, representantes do club NHD Adventure, organizador da proba.

Segundo detallaron, haberá un percorrido de sete quilómetros e 35 obstáculos para as persoas adultas, e dun quilómetro e once obstáculos para os nenos e nenas de entre catro e once anos.

Tamén se estruturará en diferentes categorías. Na de «Elite» enmarcaranse os deportistas con maior preparación, a nivel individual e por clubs.

Para todos os públicos -individualmente ou en equipos- habilitarase a categoría «Popular». As dúas mencionadas son puntuables para a liga galega de carreiras de obstáculos. Os máis pequenos («Kids») dividiranse en dous grupos de idade, isto é, de catro a sete anos e de oito a once anos.

Participantes

Das inscricións realizadas, un 33% son mulleres. A nivel xeral, un 55 % dos anotados proceden da provincia da Coruña; un 15 % de Pontevedra, un 10 % de Lugo, un 6% de Ourense, un 6 % de Asturias, un 5% de León e un 3 % de Salamanca.

Os responsables do club destacaron que, na actualidade, a carreira conta co maior número de participantes de OCR en Galicia, e que o proxecto de futuro pretende levantar a proba naronesa ao «top 3», xunto a Vigo e A Coruña. Subliñaron, ademais, que a cita deportiva contará coas medidas de seguridade e prevención vixentes derivadas do covid-19.