Narón licita en 1,9 millóns a xestión dos seus centros infantís durante dous anos

La Voz NARÓN / LA VOZ NEDA / LA VOZ

NARÓN

JOSÉ PARDO

As empresas interesadas en presentar as súas ofertas teñen de prazo ata o día 27

03 ago 2021 . Actualizado ás 22:43 h.

O Concello de Narón licitou a xestión das tres escolas infantís municipais -A Solaina, A Gándara e Piñeiros- para os próximos dous anos por un importe de 1.985.801 euros. De acordo coa información facilitada pola administración local, as empresas interesadas en presentar as súas ofertas dispoñen de prazo ata o 27 de agosto. O contrato incluirá o servizo educativo principal dos tres centros, así como a acollida, permanencia, o servizo de comedor, o de limpeza e actividades complementarias. As achegas económicas do Concello realizaranse en tres anualidades, posto que, segundo as previsións actuais, o novo contrato estará en vigor desde o próximo 1 de setembro ata o 31 de agosto do 2023. Así, este ano abonaríanse 248.226 euros, o próximo unha partida de 992.905 euros e no período de servizo do 2023 os 744.679 euros restantes.

Cada un das tres escolas infantís municipais de Narón conta con seis unidades e 82 prazas de atención simultánea, a saber, dúas unidades de 0 a 1 ano (16 prazas en total); dúas unidades de 1 a 2 anos (26 prazas) e outras dúas de 2 a 3 anos (40 prazas).

Os centros deberán prestar os seus servizos de luns a venres durante todo o ano, en horario de 7.30 a 20 horas, aínda que con posibles organizacións especiais nos meses de xullo e agosto en función da demanda e segundo as necesidades do servizo.