O Cosal

José Varela FAÍSCAS

NARÓN

18 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O rozamiento dos anos tornasola a lente coa que observamos o pasado. A erosión do cristal mingua a súa luminosidade e transparencia, de modo que a medida que envellecemos o claroscuro expándese e conquista novos espazos e, imperceptiblemente, vémonos empurrados á zona de confort, na que nos amodorramos acomodados e satisfeitos. É o lugar idóneo desde o que pontificar con total impunidade. Dáme dentera e produce calafríos a compracencia na comparación, filtrada pola casquivana memoria persoal, entre as etapas vividas por cada xeración. É case como unha urticaria. Con todo, hai feitos obstinados, persistentes, exemplares tamén, que obrigan a repensar ese pasado e reconciliarse con el. O venres presentouse o libro de Ton Blanco , Xaquín Ros e Anxo Currás Cosal. Comité de Solidariedade con América Latina. 1979-1995, editado polos concellos de Ferrol, Narón e Fene. Ao acto, moderado por Paco Varela, asistiron os alcaldes Mato, Bello e Suárez. O traballo serve para limpar a memoria e lembrar que houbo un tempo no que o compromiso persoal se traducía en algo máis que clicar no dispositivo móbil un like: traspasaba a ética, a ideoloxía e tamén a moral, como un sólido sentimento transversal que hermanaba á esquerda sen embazar as súas diferenzas programáticas. O Cosal foi un impulso modélico de xenerosidade social e dun sentido do deber para cos nosos semellantes por amais da distancia xeográfica. Pero tamén o signo dunha época, un síntoma dun clima social sensible á desgraza allea e ao anhelo universal de liberdade. Cústame atopar hoxe un paralelismo á súa altura. Un orgullo.