Quince mulleres inician o curso de atención sociosanitaria en Narón

La Voz NARÓN

NARÓN

CEDIDA

A acción formativa durará un ano

15 abr 2021 . Actualizado ás 15:37 h.

Un total de quince veciñas da comarca iniciaron esta semana o curso de Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, enmarcado no Programa Integrado de Emprego de Galicia que a Xunta concedeu á Mancomunidade.

O Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, en Narón , acolle a convocatoria, que se desenvolverá de luns a venres, cunha duración de doce meses. As mulleres que finalicen este curso obterán un certificado de profesionalidade nun ámbito no que a demanda de persoal é cada vez maior. Así o constata o elevado grao de inserción laboral do alumnado das anteriores edicións, que nalgúns casos accedeu a un posto de traballo antes de finalizar o curso, segundo indicaron desde o Concello de Narón.

O programa posto en marcha está dirixido a mulleres en situación de desemprego empadroadas nos concellos de Ares , Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño e que cumpran unha serie de requisitos estipulados na convocatoria.

Nos próximos meses levarán a cabo a través deste programa outras accións formativas tales como Comercio, almacenaxe e loxística; Auxiliar de coidados e atención á infancia; Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais (tamén con certificado de profesionalidade); Carnicería e charcutería; Pescadería; Deseño gráfico; Deseño de páxinas web e Community xestor.