Un clan detido en Narón por tráfico de drogas utilizaba unha caseta-oficina con caixón dispensador

Carmela López
carmela lópez FERROL / LA VOZ

NARÓN

cedida

Incautáronse 1.600 doses de cocaína, 400 de heroína, sustancias psicoactivas e de corte, 24.500 euros en metálico, coches de alta gama, munición e unha arma

03 mares 2021 . Actualizado ás 19:54 h.

A Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Ferrol-Narón asestou un golpe notable ao tráfico de drogas coa detención de oito integrantes dun clan familiar asentado no campamento do Moracho, nas inmediacións do polígono naronés Río do Pozo. A denominada Operación Enrocados incluíu un rexistro en varias vivendas, que se desenvolveu o día 10 de febreiro e saldouse coa detención dos principais integrantes da organización e a intervención de 1.600 doses de cocaína, 400 de heroína, sustancias psicoactivas e de corte, 24.500 euros en metálico, cinco vehículos (algúns de alta gama), unha arma curta de fogueo, e cartuchos de munición de nove milímetros.

As investigacións ao redor deste punto de venda de estupefacientes xa se iniciaron meses atrás, a raíz da trasfega de numerosos drogodependentes que acudían varias veces ao día a proverse de sustancias estupefacientes. Os axentes comprobaron que os integrantes desta organización realizaban distintos labores, desde a seguridade no asentamento en prevención de posibles operativos policiais ata a atención aos clientes e as propias vendas.

Tres puntos de venda

Para realizar estas vendas dispuñan de casetas adaptadas con separación cliente-vendedor, e as transaccións facíanas a través dun caixón dispensador. Contaban, ademais, cunha cheminea no interior da caseta-oficina para desfacerse da mercancía en caso de intervención policial.

As pescudas realizadas permitiron descubrir que tiñan tres puntos de venda no mesmo asentamento, dous deles pertencían á mesma familia e o terceiro operaba de modo independente, contando coa súa propia clientela. No marco da investigación —que se viu dificultada polo feito de que as vivendas e as casetas están situadas nun recinto pechado por unha alta muralla— conseguiuse establecer como operaba cada punto de venda e identificar aos responsables.

A instrución corre a cargo dunha xuíza de Ferrol, que decretou o ingreso en prisión de catro dos oito detidos.