Aldea Nova retoma a actividade, con todas as vodas do verán aprazadas

A. F. C. NARÓN / LA VOZ

NARÓN

CEDIDA

Á granxa Belelle tamén volveron os campamentos e a escola de equitación

18 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O bulicio volveu á granxa escola Aldea Nova, en Sedes (Narón), tras o peche obrigado polo estado de alarma. Nas instalacións do parque rural, que xestiona a empresa Pename S. L., desenvólvense os campamentos promovidos polo Concello naronés para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral. «Despois de perder a época máis forte para nós, coas visitas dos colexios, volvemos ter algo de actividade. O 16 de marzo empezaban as excursións, co colexio da Gándara, e xa non se puido facer nada», explica María Beceiro, parte do equipo que dirixe o seu irmán Fernando.

Os meses de abril, maio e xuño representan a tempada alta de Aldea Nova, con excursións de centros educativos de toda Galicia. Durante o verán, ademais das visitas ao complexo, con retiros, xornadas de convivencia ou aloxamento no albergue, moitas parellas elixen este lugar para celebrar a súa voda. «Todas as que tiñamos para este verán, salvo unha, aprazáronse para o que vén. Nalgún caso, os invitados non parecen moi animados vir e, para que a xente veña con medo, pasáronas a 2021», indica Beceiro.

Si se manteñen os banquetes de primeiras comuñóns, con dúas esta fin de semana e algunha máis en agosto. Estaban previstas para a primavera, pero tiveron que atrasarse debido á pandemia. «É un sitio que gusta porque é diferente, rústico. En realidade, é unha granxa, e teñen que traelo todo. Nós alugámoslles as instalacións, pero eles teñen que ocuparse de contratar o cátering, a decoración, etcétera», sinala Beceiro. Moitas parellas e familias de Ferrol, Narón, Pontedeume, Valdoviño, San Sadurniño e outros municipios da comarca decántanse por este escenario para os seus eventos.

Pename tamén xestiona a granxa escola Belelle, en Neda, de novo en funcionamento. «Xa abrimos antes de que acabase o estado de alarma, cando nos autorizaron. Na escola de equitación, ao principio só se permitía un alumno por clase e agardamos a que puidesen ser tres», detalla Beceiro. Nesta contorna do municipio de Neda xa empezaron a recibir visitas de familias ou grupos de amigos con nenos. «En moitos casos, este ano non queren viaxar, pola situación do covid-19, e buscan algunha alternativa pola zona. Aquí visitan os animais, montan no pónei, fan pan.... Todo ao aire libre, o que dá unha sensación de seguridade», abunda unha das responsables do centro. O uso de máscaras é obrigatorio e a cifra de usuarios reduciuse: «Había semanas de 30 e 40 nenos de campamento e agora, na que máis hai son 22».

Que ocorrerá en setembro, cando se renoven as clases nos centros de ensino? «Os colexios xa nos dixeron que están a desexar vir á granxa, porque os nenos necesitan estar ao aire libre. O caso é que se poida», apunta Beceiro.