O PSOE cae un 33 % nas Pontes e a ultradereita sobe un 47 % en Narón

NARÓN

Jose Pardo

O PP desbanca aos votantes de Pedro Sánchez en Cariño, Cabanas, Cedeira e Monfero

12 novs 2019 . Actualizado ás 09:00 h.

Os seis meses transcorridos desde as eleccións xerais de abril ata o pasado domingo propiciaron unha cambio substancial nos votantes das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. O Partido Popular arrebatou a maioría que os socialistas obtiveran en Cariño, Cabanas, Cedeira e Monfero, polo que se situou como primeira forza nun total de dez concellos. A lista dos que apoiaron maioritariamente a Pablo Casado complétase cos municipios das Somozas, que lidera o ránking na porcentaxe de votantes do PP cun 61,87 % -en abril fora do 56,14 %-, Cerdido, Mañón, Moeche, Ortigueira e San Sadurniño.

Pola súa banda, o PSOE, a pesar da baixada experimentada, mantense como primeira forza en dez concellos -Ferrol, A Capela, Ares, As Pontes, Fene, Mugardos, Narón, Neda, Pontedeume e Valdoviño-. Os socialistas sufriron a maior caída no municipio pontés, no que a pesar de acaparar o 30,14 % dos sufraxios, fronte ao 24,72 % do PP, experimentaron unha baixada do 32,7 % respecto da consulta do 28 de abril.

O BNG, segundo en Moeche

En Común-Unidas Podemos, que se mantén como terceira forza en doce concellos das tres comarcas, tamén perdeu fol nesta nova cita das xerais. De feito, foi desbancado dese posto polo BNG nas Pontes, Cedeira, Monfero e Ortigueira. A formación nacionalista xa se situou en segundo lugar en abril no municipio de Moeche, no que goberna unha alcaldesa do BNG, e como terceira nas Pontes, Cerdido e San Sadurniño -tamén goberna o Concello-, e mantense en todos eles nas mesmas posicións.

En Mugardos, feudo de Pilar Díaz, de Esquerda Unida, que goberna en minoría, En Común-Unidas Podemos logrou manterse como a terceira forza con 518 votos, aínda que o PSOE segue á cabeza con 975, seguido do Partido Popular, con 752.

Polo que respecta a Vox, a subida nas tres comarcas foi xeneralizada, en sintonía co resto do Estado. No entanto, a maior escalada produciuse en San Sadurniño, cun incremento do 60 % dos votos, seguido de Narón, onde se situou tamén como cuarta forza política, por detrás do PSOE, PP e En Común-Unidas Podemos. A formación de ultradereita obtivo na oitava cidade de Galicia 1.835 votos, fronte aos 1.252 das eleccións de abril, o que representa unha subida do 46,56 %.

O desastre de Cidadáns

En canto a Cidadáns, o maior desastre tívoa nas Pontes e San Sadurniño, ao descolgarse ao sétimo posto, por detrás de máis País e Recortes Cero-GV, respectivamente. E onde mellor se mantivo a formación política do agora xa dimitido Albert Rivera foi no concello de Narón, cunha cota de participación do 4,89 % respecto dos restantes partidos que concorreron ás xerais do domingo.

As Somozas e A Capela lideran as cotas de populares e socialistas, respectivamente

O Concello das Somozas ostenta a maior porcentaxe de votantes do Partido Popular, cun 61,87 %, mentres que no caso do Partido Socialista, a cota máis alta rexístrase na Capela, cun 40,15 %. Foron os municipios nos que ambos os partidos xa tiñan, respectivamente, as porcentaxes máis altas e en canto ás Somozas cabe destacar que foi a poboación con menos abstención o pasado domingo nas tres comarcas, xa que emitiron o seu voto o 73,05 % dos habitantes.

Outra situación curiosa produciuse no concello de Monfero, onde o PP, a pesar de ter perdido 15 votos, situouse como primeira forza por unha única papeleta de diferenza respecto ao PSOE, que nos comicios de abril fora o vencedor.

En canto á irrupción de máis País-Equo nestas últimas eleccións, o partido que lidera Íñigo Errejón conseguiu un total de 1.247 votos entre as tres comarcas. A maior porcentaxe, 2,41 %, tívoo en Mugardos.