Danos e roubo de pezas en mobiliario urbano do parque do Río Freixeiro

LA VOZ NARÓN

NARÓN

Jorge Sarmiento

O Concello intensificará a vixilancia para evitar este tipo de actos

16 oct 2019 . Actualizado ás 10:39 h.

Os danos ocasionados e o roubo de pezas do mobiliario urbano do parque do Río Freixeiro desataron as alarmas. O concelleiro de Seguridade Cidadá de Narón, Román Romero , denuncia a desaparición de cinco pezas metálicas «das que recobren a base das árbores, na beirarrúa do paseo, na zona próxima a Martínez de la Rosa». Tamén faltan dúas tapas de rexistro da recollida de augas pluviais, nese mesmo lugar, e dous tramos de tapas de rexistro de drenaxe da auga, unha de seis metros e outra de catro, preto das escaleiras próximas á rotonda de Freixeiro.

A Policía Local sinalizou os puntos con conos «para evitar riscos aos viandantes». Romero pide a colaboración cidadá para que avisen de inmediato se observan algunha conduta «sospeitosa», a fin de identificar os autores. «Este tipo de actos -subliñou-, repercuten negativamente nas arcas locais, e polo tanto nos recursos de todos os veciños». O Concello intensificará a vixilancia en espazos públicos.