Francisco Sabín: «¡Que lindo descubrir que o meu avó doou a escola de Sedes!»

ANA F. CUBA NARÓN / LA VOZ

NARÓN

Descendentes de leste «veciño predilecto» de Narón, que residen en New Hampshire, visitaron onte o centro

23 sep 2019 . Actualizado ás 10:08 h.

En 1921, Francisco Sabín Teijeiro, filántropo orixinario da parroquia naronesa de Sedes, comprou o edificio de Freixido para transformalo nunha escola de nenas. E onte, o seu neto Francisco Sabín, a súa muller e unha das súas fillas, que residen en New Hampshire (Estados Unidos), visitaron o centro, mixto desde hai anos, que este curso conta con 12 alumnos de tres a cinco anos. «¡Que lindo descubrir que o meu avó doou a escola de Sedes!», comentaba, encantado «con estes nenos e nenas, que son unha beleza». Cando o seu avó faleceu el aínda non había nado, e o seu pai non lle contou nada das súas orixes.

Pero a súa muller atopou por casualidade unha publicación de La Voz de Galicia de 2016 cunha foto de Sabín Teijeiro, polo 95 aniversario da escola de Sedes. Despois contactaron co centro e onte coñecérono. Francisco, a piques de cumprir 79 anos, resume a historia familiar. O seu avó emigrou a Cuba, onde fixo fortuna como comerciante e casou con outra galega. Do seu pai lembra que «non traballou un día na súa vida», ata que, xa preto dos 60, tras a nacionalización, en 1959, das propiedades herdadas, marchouse a Estados Unidos e, «grazas á súa formación», fíxose profesor universitario. Morreu aos 69 anos. O terceiro da saga traballou nas multinacionais DuPont e General Electric e agora só pide «saúde e bisnietos [ten tres fillos e seis netos]». A directora, Susana García, e os escolares de Sedes entregáronlles fotos, un caderno de debuxos e un lapicero de Otero Regal; e o Concello, libros da historia de Narón.