Atracan a farmacia de Pedroso e levan diñeiro e medicamentos

LA VOZ NARÓN

NARÓN

ANGEL MANSO

O Corpo Nacional de Policía busca ao home que entrou na botica sobre as nove da mañá

21 sep 2019 . Actualizado ás 10:49 h.

Un home atracou esta mañá a farmacia da parroquia naronesa de Pedroso. Ocorreu sobre as nove da mañá, despois dunha noite de garda na botica. Este individuo, novo, alto e delgado, levou o diñeiro da caixa rexistradora e algúns medicamentos. A farmacéutica alertou ao servizo de urxencias 112, que avisou á Policía Local de Narón e ao Corpo Nacional de Policía, que se fixo cargo da investigación.

Os axentes tratan de localizar ao autor do atraco, a partir da descrición facilitada pola titular do establecemento. "Levamos moitos anos aquí coa farmacia aberta e nunca nos pasou nada", comentou a empregada da botica.