Non faltarán candidatos ao título autonómico nin debutantes

Carla Elías Martínez
Carla Elías FERROL

NARÓN

A proba naronesa contará coa participación dos primeiros postos do ránking galego e pilotos principiantes

14 jun 2019 . Actualizado ás 18:02 h.

Comandando a cita naronesa estarán as estrelas deste deporte en Galicia e os grandes candidatos a liderar o ránking autonómico final, como Víctor Senra, Alberto Meira ou Iago Camaño. Pero o Rali de Narón, con 130 parellas participantes de 37 escuadras é tamén unha proba moi adecuada para debutar. É o caso de Noelia Lorenzo, naronesa que experimentará por primeira vez a adrenalina dun rali de asfalto. O seu debut será moi especial xa que o fará en casa como única muller piloto da listaxe de participantes. Aínda que segue sendo un deporte con maior presenza masculina, as mulleres collen peso aos poucos e este ano sairán unha vintena de copilotos.

«É o meu primeiro rali. Correr unha proba así é o que queda por probar que me levaba a vida. Metéronme un pouco de presión para animarme e, ao final, ás toas», recoñece. Noelia non é allea ao mundo do motor xa que competiu cinco anos con moto en velocidade, nos campionatos galego e asturiano, unha proba portuguesa e a copa feminina nacional. Tamén é xogadora de pádel e practicou numerosos deportes como o balonmán ou o fútbol co Racing de Ferrol. «Competín moitos anos en moto, gasolina si, pero coche nada», lembra.

Correrá coa escuadra local Siroco Narón a coller experiencia en catro das citas con máis soleira de Galicia: o Rali de Narón e o Rali Botafumeiro de Santiago do campionato autonómico; e os de Lalín e Ferrol correspondentes ao circuíto nacional. Aínda que inicialmente prevía correr con Rebeca López, problemas de saúde impídenllo, polo que Noelia contará co copiloto Iván Bouza. «Sei que o ambiente será similar, o ambiente do motor. Creo que eu podo ter máis facilidade que alguén que empeza de cero, aínda que só sexa polas trazadas e a experiencia e a calma psicolóxica de ter competido xa antes»

Esta aventura empezou o ano pasado e, aínda que o aparcou inicialmente, no verán apostou por formarse. «Empecei a facer cursos, de notas, condución... E este ano xurdiu a posibilidade por un amigo patrocinador que nos deu un empujoncito. No mes de marzo xa empezou todo, unha tolemia», recoñece.

Aínda que é asidua ao certame automobilístico como público, recoñece que apenas coñecía a estrada. «Hei ir moitas veces a velo, pero nunca había ir por dentro do tramo, non tiña nin idea. Cando fun aos adestramentos aluciné», recalca.

Outra anécdota entre a listaxe de corredores chega da man de Iago Caamaño. Ten a posibilidade de facerse co trofeo naronés cando se cumpren trinta anos da vitoria do seu pai, José Caamaño.