Crece a febre pola repostería creativa

NARÓN

O obrador fenés Happy Bake, aberto hai ano e medio, expándese coa próxima apertura en Narón dun despacho de cociña doce e café

11 ene 2019 . Actualizado ás 09:31 h.

Un bosque de animais, un castelo de princesas, unha festa do té ou unha figura do propio cumpleañero xogando ao fútbol. Son algunhas das ideas máis enxeñosas plasmadas na repostería creativa que propón Happy Bake. O obrador de cociña impulsado por Alicia Santomé abriu as súas portas en Fene hai ano e medio como un espazo destinado a esta cociña máis artística, ademais de elaborar por encargo doces personalizados para eventos. Unha proposta culinaria que creceu como a espuma. Neste tempo non parou de incrementar a demanda e a empresa enfócase agora en expandir os seus horizontes coa futura apertura dun novo establecemento na praza de Galicia de Narón.

«Fene quedou pequeno máis rápido do que agardaba. A demanda é moi alta», recoñece a impulsora. Empezou soa neste proxecto do que agora tamén forma parte Lorena Fernández. E o próximo paso será diversificar o negocio co novo espazo. «A idea é abrir en Narón un despacho de repostería e de café, á vez que manteremos o local de Fene destinándoo especificamente a obrador», explica. A previsión é que esta nova proposta poida abrir as súas portas no mes de marzo e, apunta, será algo bastante novo. «Dedicámonos á repostería creativa, principalmente, americana, como cupecakes, brownies... Será o que se venda en Narón onde haberá tamén despacho de café. É algo novo. A idea é que sexa para levar aínda que haberá un espazo para quen queira tomalo alí», detalla.

Para a apertura en marzo do novo establecemento contratará a dúas novas persoas -un para o local de Narón e outra para o obrador de Fene- ás que, prevé, sumaranse posteriormente outros dous traballadores. Por iso insta aos interesados a enviar os seus currículos ao correo electrónico happybakereposteria\gmail.com.

Aínda que Alicia apostou pola repostería profesional hai ano e medio, a paixón vénlle desde sempre, recoñece. «Sempre facía cousas na miña casa para a miña familia e amigos», lembra. E decidiu aparcar o seu traballo como deseñadora de moda para lanzarse a emprender con esta aventura. «A miña familia botábame para atrás, é algo novo e hai xente que non o entende, pero estou supercontenta, non puido ir mellor», agradece.

Para intolerantes

Un dos principais atractivos da proposta de Happy Bake é, ademais da personalización da o repostería -«intentamos non repetir ningunha torta», recalca-, a súa adaptación ás intolerancias alimenticias. «Son intolerante á lactosa. Se o que é quedar cos amigos e non poder comer, así que tiña moi claro que quería facer repostería sen gluten, lactosa ou ovos», expón, ademais de para veganos ou diabéticos, por exemplo, o que lle fixo gañar clientes de fóra da comarca.