O Supremo confirma a condena a 20 anos de prisión ao autor do crime do Couto

NARÓN

ANGEL MANSO

O alto tribunal desestima o recurso interposto pola defensa de Juan Fraga e imponlle o pagamento das costas xeradas pola casación

21 novs 2018 . Actualizado ás 14:24 h.

O Tribunal Supremo acaba de confirmar a pena de 20 anos de prisión imposta pola Audiencia coruñesa ao veciño de Narón Juan Fraga, condenado por o asasinato da súa esposa, Caridade Pérez, ocorrida o 29 de decembro do 2015 no domicilio familiar do Couto. E faino tras desestimar o recurso de casación interposto pola defensa do condenado, á que impón o abono das costas procesuais.

O recurso, que xa fora desestimado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, fundamentábase na denegación dunha dilixencia de proba solicitada, consistente nunha inspección ocular do lugar desde o que un veciño dixo ter visto ao acusado no tellado da vivenda; a vulneración do dereito á presunción de inocencia; a aplicación indebida da circunstancia agravante de aleivosía e a falta de motivación para a aplicación das penas no seu grao máximo.

No entanto, o Supremo dálle a razón ao avogado defensor, Julio Barros, nunha das alegacións, no sentido de que unha vez admitida unha proba para o plenario, a rectificación desa decisión debe levar a cabo mediante unha resolución suficientemente motivada, polo que, ao denegala de feito, vulneráronse os dereitos do recorrente. Con todo, engade que dita proba xa non resultaba necesaria, porque se practicaron outras. Nesta liña, o Supremo apunta que o obxectivo era situar ao recorrente na vivenda, extremo que o propio acusado recoñeceu.

A acusación particular, exercida polo fillo de Juan Fraga e da falecida, a través da letrada Ana María Pernas Vilasuso, opúxose tamén á estimación do recurso de casación.

A vítima faleceu por mor de múltiples golpes e cortes cun coitelo na cabeza, a cara e o pescozo.