Narón incorpora a un novo policía local e convocará seis prazas en 2019

LA VOZ NARÓN

NARÓN

CÉSAR TOIMIL

O concelleiro de Seguridade Cidadá confirma que o orzamento do ano que vén recollerá esta previsión

07 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A Policía Local de Narón conta con 38 axentes, tras a incorporación dun garda procedente de Ortigueira, a través dun proceso de mobilidade. O concelleiro de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, valorou a chegada deste municipal e anunciou a convocatoria de seis novas prazas para o ano 2019.

«No orzamento do vindeiro ano xa se vai recoller esa previsión para contratar a seis persoas máis», indicou. Engadiu que o Concello está pendente da aprobación do real decreto que permitirá a xubilación anticipada dos policías locais aos 59 anos, sempre que cumpran unha serie de requisitos. En todo caso, o edil avanzou que as seis prazas se convocarán, á marxe de que os axentes decidan acollerse ou non, no seu día, a esta medida.

Carencias noutros concellos

Sánchez Fojo insistiu en que Narón garantirá a reposición de prazas, se finalmente os policías que poidan retirarse con antelación fano. Desde outros municipios levan tempo demandando a convocatoria de prazas para reforzar o persoal. É o caso de Pontedeume, onde poderían quedar dous únicos gardas o ano que vén, ou de Cedeira, que tamén ten carencias.