A vida vista por centenarios

Chema curral NARÓN / LA VOZ

NARÓN

CEDIDA

Buscan por toda Galicia avós de máis de 100 anos para que conten a súa historia

22 may 2018 . Actualizado ás 12:44 h.

Como ve a vida unha anciá que supera a barreira dos cen anos?, con que recordos queda da súa longa experiencia vital?, que é o que máis lles sorprende do mundo actual a alguén que naceu nos primeiros compases do século pasado? Son só algunhas das cuestións que terán resposta co proxecto no que traballa desde uns meses a Asociación sociocultural de minusválidos para render tributo aos galegos máis lonxevos.

A entidade busca por todo o territorio galaico aos futuros protagonistas do libro Cen X cen, unha obra que pretende recompiar a historia dun centenar de veciños que poden presumir de ter soprado as cen veas. «Por datos estatísticos, sabemos que hai moitísimos, pero está a resultarnos difícil chegar a eles», apunta Paula Gárate, presidenta de ASCM.

Explica que as limitacións derivadas da actual lei de protección de datos impide ás administracións facilitar unha información que para o proxecto sería auténtico ouro, polo que se están vendo obrigados a avanzar paso a paso, grazas ao contacto con veciños ou familiares. «Facebook está sendo unha ferramenta moi útil», confesa María Fernández, unha das traballadoras da asociación que se implicou de forma máis directa no proxecto.

Ela e o recoñecido artista Manuel Patinha, fillo adoptivo do municipio de Narón, e encargado das fotografías da obra, realizaron xa nada menos que 33 visitas a maiores centenarios -a maioría mulleres- atopándose con personaxes únicos. Un aventura que os levará ata xullo a entrevistarse con polo menos outros setenta avós galegos para ofrecer unha estampa máis completa da vida en Galicia ao longo do último século.

Un proxecto aberto

«Non sabemos de certo que nos imos atopar ao chegar ás súas casas, ás residencias ou mesmo aos conventos nos que viven», explica Fernández, antes de confesarse sorprendida polo bo estado que presentan a maioría -con achaques obviamente pola idade-, a pesar de ter traballado moi duro durante toda a súa vida.

De momento, a maior foi a lucense Celestina Penabad. Aínda que, ao que lembra con especial cariño María Fernández é a Francisco Lestegas, un veterano de 107 anos. Convive coa súa filla, que presenta secuelas tras ter sufrido un ictus, e na medida das súas posibilidades axuda á súa «pequena» e segue colaborando na realización das tarefas domésticas.

As súas historias e os seus retratos, xunto ao doutros 98 maiores, servirá para nutrir esa homenaxe colectiva en forma de libro que, como sinala Gárate, «si ou si» haberá de ver a luz este ano, grazas ao apoio da Consellería de Política Social.

Con todo, o traballo, que busca ademais pór énfase na importancia que ten a atención aos maiores, non está nin moito menos concluído. Por iso, desde a ASCM fan unha chamada á colaboración, para que quen coñeza a un avó centenario contacte coa entidade a través do teléfono 981 351 430 ou do mail voluntariadoascm\gmail.com. Por diante o reto de explorar as provincias de Ourense e Pontevedra, provincias que, polo momento, resístenselles.

A avoa de Galicia

Celestina Penabad, nacida en Xermade hai 110 anos, será un das protagonistas de Cen X cen. A obra, impulsada pola ASCM, co patrocinio da Xunta, reunirá cen retratos coas súas respectivas reseñas dos avós de Galicia. Apuntan os promotores do libro que a idea é incluír a anciáns do maior número posible de municipios galegos, dando así unha visión global da vida en Galicia.