Morre un motorista ao saírse nunha curva e chocar contra un muro

La Voz FERROL / LA VOZ

MUGARDOS

01 oct 2022 . Actualizado ás 11:38 h.

Un motorista de mediana idade faleceu onte nunha curva de Franza en Mugardos. Os servizos de urxencias recibiron a chamada de alerta ás 17.48 e só tres minutos máis tarde o Grupo de Urxencias Supramunicipal (GES) de Mugardos presentábase na zona. Os rescatadores practicaron os primeiros auxilios ao ferido e pouco despois chegaba unha ambulancia medicalizada, cuxo persoal tratou de reanimar ao accidentado co obxectivo de estabilizalo para poder trasladalo a un hospital. Con todo, as lesións que presentaba eran tan graves que non puideron facer nada por salvarlle a vida.

Os membros do GES explican que o home se saíu da vía ao termo da recta de Franza e ao entrar nunha curva moi pronunciada estrelouse contra un muro. Aseguran que o impacto foi tan forte que o casco que levaba o motorista saíu despedido.