Carta aberta dos traballadores de Reganosa sobre a situación da empresa

Comité de empresa de Reganosa MUGARDOS

MUGARDOS

JOSE PARDO

«As mentiras dá avogada madrileña que quere rematar co emprego en Ferrolterra»

21 novs 2019 . Actualizado ás 00:04 h.

O comité de empresa de Reganosa difundiu un escrito en resposta a Patricia Gabeiras, avogada do Comité Cidadán para a Defensa da Ría de Ferrol: 

Os empregados de Reganosa queremos unha Ferrolterra onde nós, os nosos veciños e os nosos fillos poidamos REVISAR vivir e traballar; non entendemos esta comarca coma un lugar de veraneo. Queremos unha Ferrolterra con futuro, dinámica e industrializada; non vemos nela unha plataforma de lucro e proxección mediática. Amamos aos galegos porque somos galegos. Somos honestos e honrados. Pertencemos ás xentes traballadoras e humildes; non formamos parte das elites. Estamos persuadidos de que a democracia se basea no dereito a recibir unha información veraz; non aproveitamos a liberdade de expresión para calumniar. Pagamos os impostos na nosa terra; non tributamos fóra de aquí nin temos nada que ver con sicavs. 

Escribimos estas liñas, en definitiva, dende unha posición ética e diametralmente oposta á súa. Escribímoslle en resposta ao seu artigo de 28 de outubro datado en Madrid, publicado de novo onte, en versión reducida, en La Voz de Galicia.

Di que o que sorprende de vostede é que, pertencendo as elites, estea ao lado dos pobres. Nós non temos conflito algún, estamos onde sempre estivemos e defendemos o que sempre defendimos. Vimos tamén como vostede intenta transmitir á cidadanía a idea de que a campaña contra Reganosa é unha loita dentro da familia do gas da que vostede non forma parte. Vimos tamén con estupor como, sen desmentir en ningún momento as informacións que vinculan á súa persoa e ao seu despacho con dirixentes de Enagás, as califica de medias verdades. 

Di vostede que ao seu cuñado o cesaron como presidente de Enagás en 2002 por boicotear a Reganosa. Pero o certo é que inmediatamente foi nomeado membro do consello de administración de Gas Natural, empresa propietaria de Enagás nesas datas. É certo tamén que dende o 2001 a súa familia cobrou millóns de euros das compañías que agora vostede pretende vender como alleas. Tamén é certo que a súa relación con Guzmán Solana, presidente de Enagás daquela, era cercana e compartían sociedades. Se non fose cercana, non falaría vostede nas redes sociais por boca del. Non hai media verdade aquí. Supoñemos, en fin, que cando se refire á familia do gas, refírese á súa. O motivo polo que a planta está onde está coñéceo vostede ben. Foi o seu cuñado, cando era presidente de Enagás, quen decidiu que, para o que consumían os galegos e as súas industrias, non necesitabamos unha terminal propia, e renunciou a construír a planta nos terreos que tiña asignados no porto exterior de Ferrol. Non cedeu a concesión deses terreos aos galegos, que si a querían construír e se viron obrigados a buscar un emprazamento alternativo. Por desgracia, os galegos coñecemos ben canto tardan en chegar a nós as infraestruturas (AVE, autopistas...). De non ser por Reganosa, isto tería ocorrido tamén co acceso ao gas en condicións competitivas. 

Nós simplemente somos galegos e si, defendemos os intereses de Galicia, queremos que os nosos fillos poidan traballar onde naceron, e traballamos cada día por construír unha sociedade mellor. Parece suxerirnos que, para o peche que vostede pretende, busquemos solución na Xunta para recolocarnos. Pois ben, nós só queremos seguir traballando con profesionalidade e seguir xerando emprego e oportunidades como ata agora. 

En 20 procesos xudiciais intentouse que a terminal fose declarada ilegal. Nunca se conseguiu. Porque, como é obvio, se Reganosa fose ilegal, non estaría funcionando. Non por repetir moitas veces unha mentira se convirte en realidade. Na España actual, en cumprimento da última sentenza do Supremo, de feito, estamos a tramitar unha nova avaliación ambiental.

Sobre as distancias e a situación urbanística,  a sentenza do Tribunal Supremo de data 21 de setembro de 2017 valida a nosa ubicación despois dunha completa avaliación ambiental estratéxica. 

Outra mentira: Reganosa non existe grazas a Enagás. O certo é que existe a pesar de Enagás. 

Unha máis: Ana Pastor nunca foi membro do consello de administración de Enagás. 

Tampouco somos ineficientes: a nosa terminal está por derriba da media de utilización de tódalas terminais de España. 

Señora Gabeiras, como ve, somos claros, defendemos uns intereses moi concretos: o noso emprego, o futuro de Ferrolterra e o futuro de Galicia. Unha loita na que, durante as últimas semanas, temos recibido o apoio de compañeiros doutros comités, da sociedade civil e dos representantes lexítimos da cidadanía, cubrindo todo o abano político (PSOE, PP, BNG, IU,...). 

Como xente profundamente demócrata, cremos que deben ser tidas en conta tódalas opinións. Pero, por riba das opinións, prevalecen os feitos, o dereito da cidadanía a recibir unha información veraz.

Porque sabemos o que somos e como traballamos, o único que desexamos é que o noso futuro laboral estea nas mans dos técnicos competentes das distintas Administracións e non nas de persoas cos seus intereses en entredito, que xa pretenden decretar o noso peche.