Estala o pacto de goberno de Mugardos

Carla Elías Martínez
Carla Elías MUGARDOS

MUGARDOS

CÉSAR TOIMIL

O BNG anuncia a súa saída, ICM convoca hoxe unha asemblea e EU busca un novo achegamento e acougar a polémica

16 novs 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O tripartito de goberno de Mugardos integrado por Esquerda Unida (con tres concelleiros), Iniciativa Cidadá de Mugardos (outros tres edís) e BNG (dous concelleiros) -chegaron á alcaldía en agosto do 2016 tras unha moción de censura contra o anterior alcalde, o popular Juan Domingo de Deus- afronta unha profunda crise tras anunciar os nacionalistas a súa saída do goberno. A oposición intégraa o PP con catro edís e un representante do PSOE.

Que motivou a saída do BNG?

A asemblea local do BNG decidiu por unanimidade romper o pacto de goberno. «A situación dun tempo a esta parte é insostíbel e dificulta enormemente a xestión dos asuntos na área que presidimos e que a interfería e inxerencias por parte da alcaldía non fan máis que impedir e levar a cabo un proxecto viábel para o pobo de Mugardos», defende este órgano. O portavoz, Argemino Varela, expuxo como último exemplo a discordia xurdida na organización das actividades do Samaín. «Dos acordos do goberno hai asuntos cumpridos e entendemos que o que firmamos no pacto e co que esteamos de acordo apoiarémolo, non imos ser unha oposición feroz», destacou Varela, que acusa á alcaldesa de «falta de lealdade. Entendemos que está a coartar a independencia das áreas. Nós sempre fomos leais aos acordos de goberno, sempre respectamos os votos». Así, Varela como Tania Fernández deixan no aire as áreas de Cultura, Deportes, Política Lingüística, Mocidade, Formación e Emprego. A alcaldesa, Pilar Díaz, recibiu a noticia «con sorpresa, a nivel persoal e político. Estamos preocupados e consternados pola situación que se poda xerar». Lamenta que o BNG non expuxo nunca ningún problema ata a comisión de seguimento do pacto na que expuxo a ruptura.

Cal é a situación de Iniciativa Cidadá?

A agrupación coincide na tensión dos últimos meses. «Froito do entendemento entre diferentes naceu o primeiro goberno con maioría da última década en Mugardos. Nos últimos meses, sen embargo, asistimos con preocupación á toma de decisións que non son debatidas, e moito menos consensuadas, entre os membros do goberno local», explica ICM. Apuntan á abstención na votación dun remanente de 600.000 euros nunha comisión de Facenda. «Se someteron a votación cuestións que non tiveron en conta a opinión do noso grupo. A alcaldía comunicou verbalmente ao noso portavoz que estabamos ‘fóra do goberno'», sinalan. Algo que a rexedora atribúe ao momento. Explica que houbo unha primeira reunión para tratar os temas, entregáronlles máis detalladamente un dos proxectos e convocouse a comisión cinco días despois. «Abstivéronse sen dicir nada, non houbo ningunha petición no medio nin nada. Foi o momento, pero eles seguen desenrolando as súas funcións e cuestións administrativas», detalla.

Que pasará agora co goberno local?

A rexedora busca que se retome a senda do entendemento. «Non temos desconfianza ningunha dos edís do BNG, non retirei as competencias a ningún», detallaba onte Díaz. Hoxe trasladarán á asemblea de EU, á que tamén asistirá Eva Solla, a intención de convocar aos representantes do BNG nun encontro conxunto para buscar de novo un consenso e que reconsideren a súa situación. «Hai algún roce, normal en gobernos municipais formados por varios, pero o fundamental é traballar polos veciños», recalca. E destaca que o BNG lles trasladou que valoran positivamente o 92 % das actuacións realizadas. Por outra banda, esta tarde está prevista outra asemblea, de ICM, para explicar aos integrantes a situación na que se atopa o goberno municipal e «determinar o mellor xeito de seguir defendendo a nosa postura».