Uns 40 propietarios vixiarán os montes de Monfero e zonas próximas para previr incendios

LA VOZ MONFERO

MONFERO

ANGEL MANSO

A campaña comezará o 17 de xuño e prolongarase ata mediados de setembro

12 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Un grupo de 40 persoas, propietarios forestais integrados no colectivo Fomento Forestal, participarán na campaña de vixilancia dos montes para a prevención de incendios. Os voluntarios realizarán roldas polo municipio de Monfero e tamén por Irixoa, Vilarmaior, Miño, Narón ou a parte alta de Pontedeume, desde o vindeiro luns, día 17 de xuño, ata mediados do mes de setembro.

Desde que se puxo en marcha esta iniciativa, no ano 2009, non se produciu ningún incendio de relevancia neste territorio, como sinala o presidente de Fomento Forestal. José Francisco Ares destaca o esforzo dos socios e lamenta a falta de axuda por parte da Xunta de Galicia. Nunha reunión mantida en 2018 coa conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, Ares solicitara recuperar o posto permanente de vixilancia dos incendios, habilitado no seu día e dotado dun helicóptero e unha cuadrilla, pero sen servizo desde hai varios anos.

O posto continúa inoperativo. «E o resto de demandas, como un coche para a vixilancia e, se non, vales para os gastos de combustible dos coches particulares, tampouco saíron adiante polas trabas administrativas, tecnicamente é inviable», sinala Ares.