O belén máis reivindicativo e actual

Álvaro Alonso Filgueira
ÁLVARO ALONSO MONFERO / LA VOZ

MONFERO

José Pardo

As figuras desta igrexa de Monfero piden aumento de soldo e falan de Facebook

10 dic 2018 . Actualizado ás 12:39 h.

«Anxos, pastores, lavandeiras, reis, soldados... ¡e agora a prensa! José, non terás colgado o nacemento no Facebook?». Poida que si, porque La Voz tamén se decatou deste belén tan particular, cun transfondo reivindicativo e actual, situado na igrexa de San Pedro do Val de Xestoso, en Monfero. Un ano máis, coa coordinación do cura Luis Rodríguez Patiño, os pais e nenos desta parroquia revolucionaron o belén de toda a vida. Con mensaxes como o que abre esta reportaxe, situados estratexicamente para chamar a atención sobre o momento actual da sociedade. «A intención é abrir a conciencia dos cristiáns, que non poden estar afastados deste tipo de problemas», explica o párroco.

O nacemento ten, por exemplo, a estrela apagada por ter «problemas co Ministerio de Industria». Así mesmo, uns pastores que lle piden ao neno Jesús «aumento de soldo e renovación de subsidios», mentres outros non se poden permitir ter fillos «por culpa da crise» e un máis está «ata os cumios dos empregos temporais» -traballa apenas uns días ao ano-. Ao mesmo tempo, uns pais non poden entrar na pousada por non contar nin con pasaporte nin con traballo. «Mira, outro belén vivente, que bonito espírito de Nadal... ¡Se é outra familia desafiuzada!», reza outro letreiro.

A vaca do portal o único que pode dar é calor, pero deixa entrever que o fará cobrando. «A vaquiña polo que vale», pon, parafraseando o lema dunha compaña eléctrica. E tamén hai oco para os problemas de tráfico dos Reis Magos e os seus camelos. «Non nos interesa quen sexan. Non traen o casco regulamentario, e punto», dinlles. «A garda civil lembra que os que beben e beben son os peixes no río, pero a todos os demais son seis puntos», expresa outro cartel con retranca, a mesma de «Para a cea de Nadal, o teléfono móbil vai á dereita ou á esquerda do prato?».

E un punto quente é o palacio de Herodes, que representa o poder. Ao redor hai tres reivindicacións: «A vostedes a factura da luz tenlles sen coidado»; «Que os deputados baixen o seu salario e póñanse a traballar. ¡Oe, neno, pide esas cousas!»; e «Non hai carbón para tanto chourizo».

Anxo Filgueiras, o pai de Cristina, unha das pequenas que se prepara para a primeira comuñón no Val de Xestoso, cre que o belén «está moi ben para visibilizar as cousas que están pasando continuamente por un lado e por outro». «É unha maneira de reivindicar que o poder está a anular os dereitos básicos da xente», engade Anxo.

Os carteis deste nacemento tratan «cousas da vida que chaman a atención», di. «Si que hai alguén a quen lle molesta, pero en xeral acóllese ben na parroquia. Ademais, xa estamos acostumados desde que está aquí Luis. Aquí a misa sempre é moi amena, porque toca moitos temas que non deixan de ser a realidade do día a día», resume Anxo. A súa filla pregúntalle máis dunha vez por esas cousas que «non veñen no catecismo», pero que á fin e ao cabo son «a vida real».

Ademais deste belén, Luis Rodríguez Patiño tamén inspirou os de Cambás (Aranga) e Momán (Xermade), con numerosas consignas, no primeiro caso sobre todo do rural. O párroco é sobradamente coñecido por ter pedido a expulsión de Rajoy da Igrexa ou ter realizado unha misa para bendicir unha zona con fochancas de Momán. «Levo moitos anos e a realidade do mundo é a mesma», conclúe.