De ruta por Estaca de Bares a bordo do Eureka

ANA F. CUBA BARES / LA VOZ

MAÑÓN

MARTA CANTÓN

O barco turístico realiza saídas pola ría e mar dentro para observar a fauna

18 ago 2019 . Actualizado ás 16:11 h.

As colonias de corvos mariños moñudos do litoral coruñés de Mera teñen moito que ver coa chegada do Eureka ?unha embarcación de 12,65 metros de eslora do modelo Grand Banks 42 Classic? ao Porto de Bares. O ornitólogo Antonio Sandoval coñeceu alí o barco e a bordo colaborou no seguimento de aves para o CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia). «Faloume de Estaca de Bares e empeceime a interesar, a través dos seus libros, polas características da zona. Sempre me gustou esta ría, moi abrigada, con praias moi bonitas... E así decidimos organizar as rutas para ver aves oceánicas en plena migración», sinala o responsable da empresa coruñesa Eureka, Carlos.

A aventura arrincou a comezos de agosto, con saídas pola ría e mar dentro: «Ás veces entramos no porto do Barqueiro, damos a volta á illa Coelleira ou imos ata [a punta] de Estaca de Bares, vendo a paisaxe e a fauna, de todo tipo, rorcuales, golfiños... Por aquí vese de todo». Aos pasaxeiros fascínalles a paisaxe: «É a única ría de Galicia neste estado, sen edificacións». A perspectiva que proporciona o barco, con 12 prazas dispoñibles, sorprende a quen coñecen a contorna por terra. «Non ten nada que ver, descobres outro mundo», asegura un viaxeiro de regreso a porto.

Durante este mes realiza varias expedicións diarias desde o Porto de Bares (en caso de mal tempo, pode trasladarse ao Barqueiro), ás doce e a partir das catro ou as cinco da tarde. O Eureka percorre unhas 15 millas durante unha hora e media, «sempre buscando o abrigo do vento para que a navegación sexa cómoda», e o prezo por persoa é de 12 euros. Para reservar praza ou concertar saídas de grupo hai que chamar ao 622 766 824. As travesías proseguirán polo menos ata novembro, a partir de setembro centradas na observación de aves migratorias, con Sandoval como guía (como xa ocorre agora). «Viñeron un italiano e unha alemá [atraídos pola ruta marítima] e quedáronse catro días; a finais de mes teremos saídas cun grupo de holandeses; en setembro virán os británicos...», detalla o ornitólogo, convencido do potencial do turismo de natureza ligado ao avistamento de aves. E neste caso, co aliciente de poder observalas de preto, desde o mar. O impacto económico resulta cada vez máis evidente na zona.

Un barco «de película»

O Eureka «é un barco película». Así o promociona a empresa homónima, pero vai máis aló dun slogan publicitario. Esta embarcación percorreu a costa española en busca de pecios singulares, para a rodaxe da serie documental Afundidos, emitida na 2 de TVE. «O ano pasado estivemos a gravar en Covas [Viveiro], seguimos por Malpica, Fisterra, Corrubedo e polo Mediterráneo, ata o delta do Ebro», indica o patrón. Agora, o escenario da aventura é Bares.