As grandes novelas e o Tren da Costa

Ramón Loureiro Calvo
Ramón Loureiro CAFÉ SÓ

FERROL CIDADE

23 ene 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

O profesor da Universidade de Salamanca Luis García Jambrina (Zamora, 1960), autor de libros como En terra de lobos e A dobre morte de Unamuno, non só é un dos mellores coñecedores dos grandes clásicos da literatura española, senón tamén un magnífico narrador: un escritor de bellísima prosa e de maxistral dominio da arte de contar historias que agora acaba de publicar O manuscrito de néboa, outra desas deliciosas novelas súas nas que o lector viaxa, a través dos séculos, ata o tempo no que todo era novo aínda —sen ir máis lonxe, a imprenta—, pero no que ao papel e á tinta xa se lles quería tanto como nós lles queremos agora. Luis, que nas súas obras converteu en agudo personaxe literario, e en brillante indagador de misterios, nada menos que ao gran Fernando de Rojas, ao autor da Celestina, réndelle homenaxe ademais, nesta novela recentemente chegada ás librerías, a ese extraordinario humanista que foi Antonio de Nebrija, de quen agora se conmemora, por certo, o quinto centenario da súa morte. Esta é a sexta obra de ficción de Garcia Jambrina que ten a Fernando de Rojas como protagonista. E eu, que empecei a lela onte á noite (mentres alén da fiestra corría, cun canto especialmente alegre, como de esperanza, a auga do río que conforme se vai achegando ao mar deixa de chamarse Sáa e pasa a chamarse Cádavo), e que se Deus quere rematarei de lela esta madrugada, quixese hoxe —ademais de, por suposto, recomendarlles a súa lectura—, compartir con vostedes unha reflexión. Porque cada día estou máis convencido —e isto é o que me dispuña a dicirlles— de que nestes momentos de tantas incertezas os grandes libros son máis necesarios que nunca. Non para pasar o tempo, senón para intentar detelo. Porque, como salta á vista, os reloxos, e ata os calendarios, corren cada vez máis rápido. A García Jambrina coñecino, fai xa bastantes anos, nunha edición dos Encontros de Verines que, se non recordo mal, estaba dedicada á relación entre a literatura e o xornalismo. E non volvemos a vernos en persoa desde outros Encontros de Verines máis, os que se lle dedicaron a Cervantes . Pero estamos en contacto sempre, grazas aos milagres da electrónica, que coas súas pantallas de mil colorees abren fiestras máxicas entre as brumas de Escandoi e as luces de Salamanca. Cada vez que vexo pasar, por Ferrol, por Ortegal ou pola Mariña de Lugo, o Tren da Costa, cuxa vía atravesa algunhas das paraxes máis belas de cantos hai no mundo, dáme por pensar que vai cara ao Casarón de Verines e ao Miradoiro da Franca, e que alí —verdade que si, Luis?— estará Carlos Casares. Talvez conversando con Fernando de Rojas. E con Nebrija, claro.