A Policía Local de Ferrol sorprende a dous menores danando coches e con 30 logos de distintas marcas nos petos

FERROL CIDADE

JOSE PARDO

A denuncia será trasladada á Fiscalía de Menores

06 dic 2021 . Actualizado ás 16:26 h.

A Policía Local de Ferrol sorprendeu in fraganti a pasada fin de semana a dous menores de idade que estaban a causar danos en vehículos que estaban aparcados no barrio do Ensanche A. Os mozos foron localizados sobre as catro da madrugada do domingo na rúa San Salvador e nos petos portaban varios efectos que supostamente foran roubados. Así, os axentes municipais acharon no seu poder ata 30 insignias de diferentes marcas de coches, un espello retrovisor dun vehículo de cor branca, ademais dun coitelo co mango azul e a folla doutro que tiña a punta dobrada.

Os menores non portaban ningunha documentación persoal, polo que foron trasladados ás dependencias da avenida de Vigo da Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Ferrol-Narón para proceder á súa identificación.

Unha vez alí, logrouse contactar cos pais dun deles, domiciliados no municipio de Narón, que foron recollelo ás dependencias policiais.

Respecto ao outro non se conseguiu localizar a ningún familiar, polo que, finalmente, os axentes trasladárono a a vivenda da súa avoa, coa que, segundo dixo, convive.

A denuncia polos danos supostamente causados en polo menos trinta vehículos, segundo os efectos que se descubriron no seu poder, será trasladada á Fiscalía dee Menores, que é a que se encarga deste tipo de delitos relacionados con mozos que non acadaron a maioría de idade.