A escalada de positivos por covid acada os 298 casos na área Sanitaria de Ferrol

Manuel Arroyo Alves
M. Arroyo FERROL

FERROL CIDADE

JOSE PARDO

Fene é o que presenta maior incidencia, mentres outros dez municipios seguen libres do virus

02 dic 2021 . Actualizado ás 12:10 h.

A incidencia do covid-19 na área Sanitaria de Ferrol segue o seu progresivo ascenso das últimas semanas e son xa 298 os casos activos confirmados actualmente, 22 máis que a xornada anterior. Non varía o número de pacientes hospitalizados, con once en total, aínda que hai dúas persoas na uci, unha máis respecto ao reconto do martes.

De acordo cos datos oficiais do Sergas, nas últimas 24 horas detectáronse 27 novos contagios nas máis de cincocentas probas efectuadas, entre PCR (361) e antígenos (174).

Con estes últimos datos, son xa polo menos 12.057 os veciños da comarca que se contaxiaron co coronavirus. Deles, 11.520 recibiron a alta, pero 233 persoas faleceron por causas vinculadas á enfermidade. A última vítima mortal na área de Ferrol notificouse o 23 de novembro.

Datos locais

Por municipios, a situación é parella á da xornada anterior, aínda que en Fene , que presenta maior incidencia de toda a zona -entre 250 e 500 por 100.000 habitantes en 14 días-, seguen subindo os casos. Sempre segundo os datos autonómicos, no concello fenés hai 40 novos casos diagnosticados en sete días e 44 en dúas semanas. En Ferrol son 86 nos últimos sete días e 133 se se revisa ata os 14 días. Narón presenta 30 e 44, respectivamente.

Hai dez municipios sen contagios: Monfero, A Capela, San Sadurniño, Moeche, Cerdido, As Somozas, Cedeira, Ortigueira, Mañón e Cabanas, este último con entre 1 e 9 casos en dúas semanas. Nesa mesma pinza de 1-9, tanto nunha como en dúas semanas, atópanse Neda, Ares, Mugardos, Pontedeume, As Pontes, Valdoviño e Cariño.

Por outra banda, a Consellería de Sanidade informou o aumento de positivos na residencia de persoas discapacitadas Coral Seoane de Ferrol (Aspanaes), que acada os 25 usuarios afectados. O mércores pasado as autoridades sanitarias comunicaron dous positivos neste centro.

En canto aos colexios, hai 47 casos e dúas aulas pechadas nos que se enmarcan na área ferrolá. Só na Compaña son 15 as persoas afectadas e unha aula pechada.