As probas veterinarias descartan que a bandada de estorniños de Ferrol morrese por electrocución ou gripe aviaria

FERROL CIDADE

Cedido

As aves presentaban lesións hemorráxicas no tórax, a laringe e a rexión cranioencefálica

02 dic 2021 . Actualizado ás 15:05 h.

Os veterinarios da Xunta de Galicia que están a realizar a necropsia dos estorniños que morreron de forma masiva e ao unísono nunha rúa de Ferrol o pasado día 26 aínda non pescudaron as causas do estraño suceso, pero si descartaron xa que fose debida a unha electrocución ou á gripe aviaria. Nun informe preliminar, sinalan que as aves mortas presentan varias lesións hemorráxicas na zona intratorácica, a laringe e a rexión cranioencefálica, que afectan gravemente ao corazón, ao aparello respiratorio e ao encéfalo. E engaden que esas lesións non se poden relacionar cunha infección vírica, bacteriana ou parasitaria e que, de feito, as analíticas realizadas constatan o negativo en gripe aviaria.

Tamén descartan que a causa da morte puidese ser unha electrocución, porque nese caso terían que aparecer edemas e necrosis por queimadura nos puntos de entrada e saída da corrente eléctrica, ademais de pequenas marcas por queimaduras nas plumas próximas e non as tiñan.

Segundo informan, no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros ingresaron 127 exemplares mortos de estorniño pinto (Sturnus vulgaris), ademais doutros poucos vivos. Estes últimos presentan un estado decaído, incapaces de voar e con traumatismos nas ás e as patas que lles provocan dificultades para manterse en pé. En vista do seu estado, practicóuselles un tratamento con alimentación forzada e aliñación e inmovilización das fracturas observadas.

En canto ás causas da morte, tras descartar que fose por gripe aviaria ou electrocución, o que tratan de determinar agora os veterinarios é se puido ter sido por unha intoxicación. Para iso tomaron mostras para realizar análises toxicolóxicas do encéfalo, o corazón, os pulmóns, a traquea, os riles e o intestino, pero aínda non chegaron os resultados.

O feito de que os animais presentasen lesións en distintas partes do corpo, e observando o vídeo realizado por unha persoa desde o hospital Juan Cardona que hoxe se pode ver na web de La Voz, poderíase chegar á conclusión, sen confirmar polos expertos, de que a morte masiva puido deberse a unha colisión entre eles mesmos. E é que nas imaxes se aprecia que no punto en que se precipitaron ao chan confluían desde os dous lados, formando unha nube negra, mentres que outros miles de aves seguían saíndo das árbores e dirixíndose cara ao norte.