A praza de Armas, de armas tomar

José Picado DE GUARISNAIS

FERROL CIDADE

25 jul 2021 . Actualizado ás 10:34 h.

Que como estaba a praza? A praza estaba a piques de colapsar. Materiais fatigados, estrutura gretada, o formigón cos ferros corrugados ao aire, auga filtrándose por todas partes, e cousas así, impedían acometer a súa reparación. O custo de substituír o aparcadoiro por outro, ao parecer, era demasiado elevado á vez que improcedente. A decisión estaba tomada e sólo faltaba atopar un proxecto rompedor, distinto, sorprendente. Carlos Pita, profesor de arquitectura e arquitecto archi galardoado, gañou o concurso para o novo deseño da praza de Armas cun deseño de armas tomar. Unha praza moi baleira (Pita opina que Ferrol necesita oxigenarse, ventilarse, permitir que corra a brisa atlántica pola Madalena ilustrada) perimetrada por tilos e con pavimento feito a base dunha mestura de áridos. Area grosa compactada, dito en ferrolán. Estaba chamada a ser o «lugar de todas as cousas» que posteriormente deveu en «lugar de todas», quen sabe se por suxestión dalgún militante na mareante linguaxe inclusivo. Unha praza con vocación de recuperar o espazo central para celebrar todo tipo de actividades: musicais, escénicas, exposicións, mercadillos e feiras temáticas, etcétera.

O tempo e o xurado da asociación Fomento das Artes e o Deseño (FAD) déronlle a razón. Á nova praza de Armas concedéronlle o premio na categoría de Cidade e Paisaxe, pondo en valor o atrevemento ao converter ese espazo en algo máis humano e acolledor. A resposta nas redes sociais, moi ferrolá e moito ferrolá que diría aquel político amigo de fumarse puros ante calquera disxuntiva, foi a agardada. Polarizada, extremadamente polarizada. E, en todo caso, afastada da mesura, a razón e a temperanza. O concelleiro Basterrechea, que tomou o galardón coma se fose o Pritzker de arquitectura, anunciou que sairía espido á praza a celebralo. Non sabemos se o fixo. Os partidarios da autodestrución -do que sexa- responderon o estilo habitual: iso non é unha praza, é un escampado; é unha lameira; a area se escurre; se querían quitar a Franco podíase facer doutro xeito (isto, da praza de España, vale para calquera fío de calquera tema de conversación); o que debían facer era arranxar as fochancas que rompen os palieres; Ferrol está morto porque non se pode aparcar; e todo así.

A praza de Armas, da fonte de Churruca, do Carmen, do mercado de leña ou dos tilos ilustrados, que tanto dá, xa ten o seu premio FAD. O seu novo pavimento de area durará o que dure unha corporación cogobernada por Mato e Suárez. En canto presídaa Rey Varela a praza cambiará de aspecto. Unha vez máis. Veremos.