Os casos activos de covid na área de Ferrol volven baixar do centenar

FERROL CIDADE

kiko_delgado

Nas 144 PCR realizadas nas últimas 24 horas confirmáronse 5 novos positivos

02 may 2021 . Actualizado ás 10:29 h.

A curva da pandemia volve descender lixeiramente na área sanitaria de Ferrol . Segundo o informe emitido este domingo polo Sergas, os casos activos baixaron de 102 a 99 e nas 144 PCR realizadas nas últimas 24 horas confirmáronse cinco novos positivos. Na planta de hospitalización covid do Arquitecto Marcide hai oito pacientes, unha máis que na xornada anterior, e na unidade de coidados intensivos segue habendo dous. O número de vítimas mortais mantense en 216.

Desde o inicio da pandemia hanse visto afectados polo coronavirus 8.441 veciños das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, dos que 8.120 lograron superar a enfermidade. Realizáronse un total de 136.443 PCR e 43.594 probas serológicas.

Por concellos, Ferrol mantense con entre 1 e 9 novos contagios confirmados na última semana, pero sobe de 29 a 32 no cómputo de 14 días, mentres que Narón continúa con entre 1 e 9 nos últimos sete días e baixa de 12 a 11 no acumulado de novos casos en dúas semanas.

Pola súa banda, Cedeira, Cariño, Ortigueira, Mañón, Cerdido, San Sadurniño, Neda, Fene, Mugardos, Ares e Pontedeume rexistran entre 1 e 9 casos tanto en sete días como en catorce. Valdoviño e As Pontes teñen cero novos casos detectados na última semana e están entre 1 e 9 no cómputo de 14 días. Para rematar, os municipios de Moeche , As Somozas, A Capela, Monfero e Cabanas permanecen desde hai días sen ningún positivo.