As imaxes da Semana Santa fan de Ferrol a capital da Paixón do norte

R. loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL CIDADE

JOSE PARDO

Os altares das confrarías e a arquitectura dos templos espertan a admiración de fieis, de afeccionados á arte e de visitantes de todas as idades

02 abr 2021 . Actualizado ás 17:23 h.

O santuario da nosa Señora das Angustias era onte un vivo espello do fervor co que, a pesar de non haber procesións, está a vivir este ano Ferrol a súa Semana Santa. Ao longo da mañá foi necesario, en máis dunha ocasión, facer cola fronte ao templo para poder acceder ao seu interior, onde se instalaron os altares de culto das súas imaxes procesionais. E todo iso, ademais, está claro, cumprindo estritamente as medidas de seguridade decretadas para facerlle fronte ao coronavirus. De feito, tomábaselle a temperatura a todas as persoas que accedían ao interior do templo, onde hai un itinerario marcado para evitar aglomeracións, e onde os confrades insistían en todo momento na importancia de manter a distancia de seguridade. «Este ano non hai procesións, pero a devoción que esperta este santuario segue estando moi viva», sinalaba o presidente da Confraría das Angustias, José Ramón Cancelo.

Este Venres Santo, na carpa de Amboage, a confraría de Dolores exporá as imaxes de Jesús Nazareno, a Verónica, San Xoán e a Virxe de Dolores , que son as do Santo Encontro. Na capela da Mercé haberá oficios ás 16.30 e veneración do Redentor ás 18 horas.

Na concatedral, o Santo Enterro abre o seu altar de 10.30 a 21 horas. E ás 17 horas, tamén en San Julián, celebrarase a misa da Paixón presidida polo administrado diocesano, Antonio Valín. Na capela da Orde Terceira, o altar da Virxe da Soledad poderá visitarse de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas. O Sábado Santo, a confraría das Angustias levará a cabo no seu santuario o tradicional peditorio con destino ao refuxio do Santo Hospital de Caridade. O acto de entrega dos recadado na arqueta situada no propio templo terá lugar a última hora da tarde, ás 20.30 horas.