A curva do covid baixou en máis dun milleiro de casos na área de Ferrol desde que entraron en vigor as restricións

Manuel Arroyo Alves
M. Arroyo FERROL

FERROL CIDADE

JOSE PARDO

Hai 719 infeccións activas, 74 pacientes hospitalizados e once na uci

25 feb 2021 . Actualizado ás 10:56 h.

No último mes, o número de casos activos por coronavirus na área Sanitaria de Ferrol reduciuse en máis dun milleiro desde que entraron en vigor, a finais de xaneiro, as restricións a nivel autonómico. No entanto, aínda hai 719 pacientes -48 menos que a xornada anterior-, dos cales 74 -onces menos- están ingresados nas plantas covid do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) e outros once seguen nas unidades de coidados intensivos.

O balance provisional ata as 18 horas do mércores indica que se confirmaron 19 novos contaxiados en 476 probas PCR realizadas, que xa acadan un total de 113.553 efectuadas polos profesionais da área ferrolá desde o inicio da pandemia, ademais de 38.582 serológicas.

A piques de cumprir un ano da alerta sanitaria, a comarca contabiliza 7.925 contagios confirmados desde marzo do 2020, dos cales 7.000 recibiron a alta, pero 201 veciños infectados co virus perderon a vida.

Balanza en equilibrio

A pesar da baixada xeneralizada dos casos activos, no plano municipal, o mapa do covid debuxa, a partes iguais, os concellos que reducen as cifras, os que aumentan e os que se manteñen sen cambios respecto ao día anterior, en termos numéricos.

Sete concellos acurtan a listaxe de enfermos. Son Ferrol, de 213 a 188; Fene, de 26 a 23; Neda, de 17 a 16; Ares, de 12 a 11; As Pontes, de 31 a 29; Cedeira, de 21 a 20 e Moeche, de 17 a 14. Precisamente este último municipio da área Sanitaria que seguirá con peche perimetral, mobilidade restrinxida e bares pechados a partir de mañá.

Sen cambios respecto ao reconto anterior están A Capela e As Somozas, ambos sen contagios e, entre 1 e 9 casos, Monfero, Cerdido, Ortigueira, Cariño e Mañón.

Os que soben son seis: Narón, de 115 a 116; Mugardos, de entre 1 e 9 a 10; Cabanas, de 16 a 18; Pontedeume, de 19 a 20; San Sadurniño, de 11 a 12 e Valdoviño, de entre 1 e 9 a 10.