«Nótase unha chea que a hostalería está pechada. Non hai movemento en o centro de Ferrol, é moi distinto a onte»

Carla Elías Martínez
Carla Elías FERROL

FERROL CIDADE

A hostalería e o comercio encaran o primeiro día de tres semanas de restricións con temor pola caída do consumo

27 ene 2021 . Actualizado ás 17:00 h.

«Nótase unha chea que a hostalería está pechada. Non hai movemento na rúa, é moi distinto a onte», comenta Lara Pernas, mentres recolle un paquete na Papeleira Ferrolá. Ferrol encara o primeiro día de tres semanas de duras restricións que afectan de cheo á hostalería e o comercio. A hostalería pode abrir, para recoller comida para levar, ata as 21.30 horas e, para preparar pedidos para domicilios ata as 00.00 horas. Pola súa banda, o comercio non esencial debe pechar ás 18.00 horas.

 «Adaptamos o horario de oito da mañá a sete da tarde», explica Carla Varela, responsable da cafetería Capitol, situada en Esteiro, onde xa só queda ela soa traballando.«Teño dous empregados que tiven que meter en ERTE», explica. A mañá está a ser lenta, lamenta.«O que máis nos piden son cafés. Tamén temos bollería, tostadas, creps… todo tipo de almorzos, doces e salgados. Veu xente, pero parece que hai medo. Fíxome na avenida de Esteiro e non hai case xente paseando e hai moitos sitios que optaron por pechar», advirte. Explica que colocou unha mesa, na terraza por onde se accede ao café, xel desinfectante e papeleiras.«A xente pódese achegar, pedir e xa está. Non pode quedar nada aquí», recalca. E agradece o apoio.«Os clientes habituais dixéronnos que van vir, eu creo que hoxe é o primeiro día, é o que estamos todos máis nerviosos, ao longo da semana a xente vai ter máis ganas do café de cafetería» , indica. Entre eles, Rubén Sequeiro e Daniel Díaz. Traballan na unidade móbil de parabrisas de Ralarsa, en Ferrol, atendendo urxencias en toda a provincia, e pararon esta mañá no Capitol para pedir dous cafés para levar. «Tiven un negocio propio hostaleiro nove anos, por suposto que vou apoiar no que poida, sempre. Para levar, para pedir a domicilio…. Son aos primeiros aos que están a dar cana», valora Rubén. Coinciden en destacar que a gran maioría dos hostaleiros cumpren as normas de seguridade. «Eu fago unha compra grande para varias semanas, non vou a centros comerciais… Hai que tomar medidas», explica Daniel.

 «Hai medo»

A situación da cidade dista moito das restricións acatadas xa o pasado mes de novembro. Entón foi a hostalería a única sinalada, pero o bo tempo converteuse nun aliciente para que moitos veciños collesen os seus cafés e tentempiés para levar e consumisen ao aire libre, en parques ou bancos. Nada que ver con esta mañá. «Tamén abrín o Anka no mes de novembro, cando xa estivo a hostalería pechada. Entón foi bastante ben, eramos poucos os que estabamos abertos. Pero hoxe a cousa está frouxa. Hai medo», explica o responsable da cafetería-bar, Samuel Curbeira. O establecemento, situado na contorna da praza de Galicia, ofrece cafés e bollería para recoller, pero tamén menú do día e carta.«Temos tamén o servizo de LookEats para domicilio», indica. Recoñece que lle ven as orellas ao lobo.«Nós estivemos estes meses bastante estables, pero empezamos a verlle as orellas ao lobo. Nótase o bajón», advirte. Pero, polo momento trata de manter a todo o seu persoal, do mesmo xeito que en novembro.«Estamos os catro de sempre. Imos ver que pasa esta semana», sinala.

 Tamén advirte o medo da xente Silvia Vilela, responsable do café O Marqués, situado en Amboage. «A xente ten máis medo que antes, estase autoconfinando. Non é nada semellante ao que se viu en novembro. A rúa está máis triste», coincide. No seu caso, ofrecen, principalmente, cafés, bollería e torradas.«Intentamos non vender alcol para que a xente non se xunte na rúa, pero do resto, o que nos pidan. Tamén levamos os pedidos aos comercios e a casas. Decidimos abrir porque no día a día, sen restricións, vendemos a moito comercio e barbería. Como seguen traballando decidimos non deixalos de lado. Pero tamén hai xente que vive por aquí e baixa a buscar o café. A xente está concienciada en axudar», explica Silvia. No Maltés, antes da chegada do coronavirus eran seis persoas traballando. Pero todo cambiou. «Levamos moito tempo, desde verán, sendo xa só tres, incluída eu», lamenta.

Para o comercio está situación de restrición horaria é nova. Ata agora só se viu afectado por capacidade. Lúa Porto, traballadora da Perfumería Ana, acode a recoller cafés para levar ao Anka. «Imos polas cafeterías da zona para apoiar aos que estamos preto. Mentres se poida e mantendo as normas e medidas de seguridade imos seguir consumindo. Na perfumería non imos ter unha cafetera, así que poder coller para levar é moi necesario», comenta.

Nuria Taboada, da Papeleira Ferrolá, recoñece que xa se notou o medo toda esta semana. .«Levamos toda a semana con pouca xente, nótase que nos estamos quedando en casa», indica Nuria. Desde hoxe adaptou o horario. «Imos pechar ás 14.00 horas e abrir ás 16.00 horas para que a xente que traballa ou vai ao colexio poida vir. Pero hai moi pouco ambiente», sinala. O mesma da Perfumería Ana.«Hoxe está a ser un pouco lento. Pero é normal, ao longo que pasen os días supomos que a xente se organizará», indica Lúa.

 A posibilidade de vender online está a ser un gran apoio para este sector.« Temos pedidos a través da web e tamén repartimos a domicilio. Entón, clientes que non poden vir polo peche perimetral achegámoslles o seu pedido. Interesan moitos estes servizos porque vai pasando o tempo, vemos que isto non parece que vaia a cambiar, e a xente pide», explica Lúa. Do mesmo xeito que A Papeleira.«Temos un almacén na Estrada de Castela desde onde fornecemos a empresas e tamén mandamos a particulares a domicilio. Pódennos chamar por teléfono ou correo electrónico para calquera dúbida», indica Nuria.