Encadeando a terraza

FERROL CIDADE

I. VALERIO

Alfonso Gómez, do mesón Alfonso, e Emilio Vázquez, da cafetería Avenida, presiden senllas asociacións

27 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Moitos son os cafés que ao longo da súa vida levan servidos dous recoñecidos hostaleiros a quen esta semana atopamos xuntos falando dese monotema no que acaba calquera conversación de amigos e, de paso, da situación do sector hostaleiro ante as novas restricións. Alfonso Gómez, de mesón Alfonso, e Emilio Vázquez, da cafetería Avenida, presiden senllas asociacións. A de Comercio e Hostalería de Ultramar o primeiro, e a de Hostalería de Ferrolterra o segundo. E deixábannos esta imaxe que, chanceando, e por aquilo de que non son convivientes, sinalaban, incumpriría a partir de hoxe a normativa vixente para tratar de frear a pandemia. Xa máis en serio apuntaban que agardan que as medidas sirvan de algo e a xente cúmpraas, aínda que creen que chegaron demasiado tarde. Coinciden ambos en que a situación é moi delicada e preocupante, sobre todo para compañeiros a quen a pandemia lles afectou nun momento de revés económico tras facer investimentos nos seus negocios sen agardar que algo así fose ocorrer prolongándose tanto no tempo. Os dous sinalan que este novo peche será unha laxa para boa parte do colectivo, que segue demandando axudas para evitar que o sector se decaia. Simbólicamente onte encadeaban as mesas e as cadeiras da terraza, que para algúns foi unha balsa de salvación á que aferrarse no medio do temporal. Agora que o pico da onda levoullos por diante, piden sentido e rigor para que non teñamos que seguir pagando todos o elevado prezo das novas restricións mais alá do inicialmente previsto, ou o sacrificio do sector non servirá de nada.