Sabes de onde provén o devandito «quen pasou a Marola pasou a mar toda»?

Museo naval FERROL / LA VOZ

FERROL CIDADE

Non dispoñible

11 feb 2021 . Actualizado ás 12:39 h.

Nos ambientes mariñeiros é moi habitual oír o refrán quen pasou A Marola, pasou a mar toda, tan famoso se cabe como outro que di nunca choveu que non escampara, moi típicos e representativos da sabedoría popular e da singular climatoloxía galega que gozamos neste precioso recuncho do golfo Ártabro e que sin duda pola súa beleza faino único no mundo. Pero, de onde vén esta curiosa expresión?

A orixe do refrán sobre A Marola vénlle dado pola illa ou máis ben illote rochoso (peñón ou pelouro) denominado precisamente así, situado fronte á costa de Dexo-Serantes, no municipio de Oleiros, unha zona marítima que en ocasións pode resultar perigosa polas condicións adversas de vento e ondada. En tempos pretéritos o paso polos cantís que rodean o illote era temible para as artes mariñeiras debido sobre todo ás fráxiles embarcacións que había. Por extensión fálase da Marola para referirse á marusía ou correntes mariñas que se estenden ao longo da singradura entre A Coruña e Ferrol. E é que xusto ao pasar a illa da Marola, a medio camiño entre ambas as cidades, xa é mar aberto e hai forte ondada.

A Marola está na contorna dunha zona de costa declarada monumento natural, entre as vilas de Mera e Lorbé, punto privilexiado do golfo Ártabro, desde o que se pode observar a Torre de Hércules ao carón e as rías ao outro. Oleiros pertence á comarca das Mariñas, dentro da área de influencia da cidade da Coruña, e forma, xunto co municipio de Sada, a lingua de terra que separa a ría de Betanzos da baía da Coruña. Todo iso enmarcado dentro do coñecido como golfo Ártabro (Portus Magnus Artabrorum), que comprende as rías de Ferrol, Ares, Betanzos e A Coruña.

A popularidade da Marola entre os pescadores e as xentes de mar que deu orixe ao famoso refrán, non só se quedou na nosa linguaxe cotiá, senón que transcendeu ao uso institucional. Que nos conste, cidades como A Coruña e Ferrol e o Concello de Oleiros teñen rúas que levan o seu nome. A de Ferrol está situada no barrio de Canido.

Un patrulleiro

Incluso a Armada Española tivo un buque así denominado. Trátase do patrulleiro Marola (P-23), que prestou servizos en activo entre os anos 1981-2010, e que tivo a súa base en Santander. Pertencente á clase Anaga, o Marola foi un da serie de dez patrulleiros da Armada deseñados para a vixilancia de costas, pesca e salvamento. Cada un levaba o nome dun illote español e todos foron construídos en San Fernando (Cádiz) pola Empresa Nacional Bazán. Case todos eles foron xa relevados polos actuais e modernos Buques de Acción Marítima.

O simbolismo do illote A Marola quedou reflectido no escudo cuartelado do Patrulleiro Marola, sobre fondo branco (prata-armiño) con catro bandas azuis (azur) onduladas, unha por cada ría do golfo Ártabro, xunto a outros elementos heráldicos como un xabaril en cor negra (ou de sabre) sobre fondo dourado, símbolo dos Andrade, señores feudais da zona.

Ven ao Museo Naval de Ferrol e contámosche máis cousas (aberto de martes a venres, de 9.30 a 13.30 h; sábados, domingos e festivos, de 10.30 a 13.30 h). Visitas guiadas na dirección de correo: museonavalferrol\fn.mde.é.