O frío nas aulas: camisetas térmicas e polares para combater as correntes de aire

FERROL CIDADE

CESAR TOIMIL

Os docentes valoran a adaptación dos nenos e a case nula incidencia de catarros

21 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A ventilación dos espazos pechados, o uso de máscara, a desinfección de mans e a distancia social son elementos primordiais na loita contra a propagación do coronavirus. E nos centros de ensino de Ferrolterra, Eume e Ortegal están a seguilas a machada, como destacan os directores e confírmano os datos. De feito, e segundo as cifras de onte -150 casos-, hai un positivo de covid por cada 140 integrantes das comunidades educativas, nas que se inclúen alumnos, docentes e persoal auxiliar, nunha poboación total de ao redor de 21.000 persoas, que pasan ao redor de seis horas ao día confinados nas aulas. Outra cuestión que destacan os directores é que a maioría dos casos non son por contagios nos centros, senón por contactos familiares.

Os docentes valoran o esforzo dos alumnos, que se adaptaron moi ben ao uso da máscara e aos inconvenientes de que corra o aire nas aulas.

A norma que se está utilizando en todos os centros para a renovación do aire consiste en ventilar as aulas antes de entrar e durante o recreo, e manter as fiestras semiabiertas durante as clases. A calefacción logra caldear minimamente o ambiente, pero sempre se producen correntes de aire, porque as portas teñen que estar abertas.

«Estamos asombrados do ben que o están levando os alumnos. Veñen moito máis abrigados e o frío molesta máis cando fai vento, polo que algúns se poñen o chaquetón», manifesta a directora do colexio de Recimil, Genoveva Valeiro, destacando a parte positiva de que «este ano non hai catarros».

Desdramatizar a situación

No CEIP San Xoán recomendan aos pais que lles poñan camisetas interiores térmicas e nas aulas os nenos teñen os seus propios forros polares para abrigarse cando senten máis frío. «

Ata mediados de novembro non puxemos a calefacción, para ver se era resistible, pero houbo que prendela e agora estamos a gusto. Os nenos xa o teñen como algo normalizado e algunhas veces son os que te levan a cumprir as normas», apunta a directora do San Xoán, Marián López, engadindo que, «aínda que temos que seguir reivindicando máis fondos públicos para os centros, hai que desdramatizar esta situación».

Eva María Bouza Rey, directora do CEIP A Gándara, en Narón, explica que neste centro tamén o levan «bastante ben». «Estos días pasados de moito frío os nenos estiveron cós abrigos e os gorros de lana postos, e algúns teñen la clase unhas mantiñas para abrigarse», sinala e engade: «Son uns campións; quéixanse máis os profes». Neste colexio están xestionando a compra de aparellos medidores de CO2, para comprobar a calidade do aire en cada momento e optimizar a eficacia da apertura das fiestras. «Necesitamos 30, un por aula, costan arredor de 200 euros cada un e a ANPA subvenciona dez aparatos», indica a directora, apostilando que o positivo desta situación é que «esta ano non hai catarros».

A secretaria do CEIP José María Lage, de Ortigueira, María del Mar Fernández, tamén destaca a mínima incidencia dos catarros: «Eu son inmunodeficiente e este curso estou mellor que nunca, grazas a tanta desinfección estou vivindo nun mundo ideal». Neste colexio «non se está quentiño, pero estamos ben; nin os nenos nin os profes se queixan do frío», apunta.

Pola súa banda, no colexio A Magdalena das Pontes tamén se adaptan á situación, e tratan de solucionar subindo ou baixando a calefacción os grandes contrastes de temperatura que se rexistran nas aulas. «As familias saben que este ano teñen que abrigalos máis e estamos facendo trámites para conseguir unha aplicación da Xunta que orienta sobre os tempos de apertura das fiestras e cómo debe facerse a ventilación das aulas», explica a directora, Pilar Souto, precisando, que, de momento, están renovando o aire do centro seguindo o protocolo establecido. Os escolares das Pontes tampouco se están vendo afectados polos habituais catarros do inverno, «porque as máscaras estannos protexendo ben», puntualiza Pilar Souto.

Grandes contrastes

Se os máis pequenos están levando ben as normas anticovid, cos alumnos de instituto tampouco hai queixas. O director do IES Concepción Arenal de Ferrol, Manuel Rey, indica que ao comezo do curso, en setembro, houbo alumnos que levaban mantas, como protesta, «outros aínda seguen de manga curta agora, e o caso é que non hai catarros nin farinxites». En opinión deste docente, antes había un exceso dá calor nas aulas e agora pasouse ao outro extremo «e hai alumnos que utilizan unhas mantas foular grandes para tapar as pernas».