Os casos activos de covid soben de 1.124 a 1.192 e hai 110 pacientes hospitalizados, tres máis que onte

FERROL CIDADE

CESAR TOIMIL

Os novos positivos acumulados en 14 días seguen disparados nos concellos máis pequenos

20 ene 2021 . Actualizado ás 16:50 h.

A curva da pandemia segue subindo de forma alarmante na área sanitaria de Ferrol. Segundo o último informe do Sergas, os casos activos subiron de 1.124 a 1.192 e no Arquitecto Marcide hai 97 pacientes nas plantas de hospitalización covid, un máis que onte, e na uci 13, dúas máis que na xornada anterior. Nas 869 PCR realizadas nas últimas 24 horas confirmáronse 88 novos positivos e a cifra de vítimas mortais elévase a 106, tras o falecemento dun home de 72 anos no CHUF con patoloxías previas.

Desde o inicio da pandemia hanse visto afectados polo coronavirus 5.282 veciños das tres comarcas, dos que 3.982 lograron superar a enfermidade. Realizáronse 86.893 PCR e 31.412 probas serológicas.

En canto á evolución por concellos de novos positivos confirmados en 14 días por concellos, as cifras tamén seguen á alza na maioría, sobre todo nos máis pequenos. Así, Ferrol mantense con 293 casos; Narón sobe de 177 a 182; Fene, de 116 a 122; Ortigueira, de 77 a 81; Cedeira, de 46 a 48; Valdoviño, de 25 a 28; Cariño, de 23 a 24; Mañón, de 47 a 48; Cerdido, de 10 a 11; As Somozas, de entre 1 e 9 a 11; Moeche, de 22 a 24; San Sadurniño, de 17 a 22; Neda, de 32 a 34; Cabanas, de 33 a 34; e Mugardos, de 32 a 39. Pola súa banda, A Capela e Monfero están na pinza entre 1 e 9; Ares mantense con 17 casos; Pontedeume baixa de 66 a 63 e As Pontes, de 21 a 20.