Os taxis poden acceder ás zonas peonís do centro de Ferrol

FERROL CIDADE

cedida

Agora non teñen que solicitar autorización previamente á Policía Local

19 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Ferrol permite desde onte o acceso dos taxis ás zonas peonís do centro da cidade para realizar servizos sen ter que solicitar autorización con carácter previo á Policía Local, como se facía ata agora. Así o anunciou o portavoz do goberno municipal e concelleiro de Urbanismo, Julián Reina , quen explicou que o obxectivo desta medidas é «potenciar a calidade de vida dos nosos veciños do casco histórico».

Na súa comparecencia de onte, o edil informou, así mesmo, do inicio das obras de substitución do chan do parque infantil da praza de Sevilla, na que tamén se renovará o xogo accesible por outro novo. Reina deu conta, así mesmo, dos asuntos abordados nas mesas de contratación, entre os que figura a renovación da iluminación da rúa Alegre e outros viarios próximos, cun orzamento de 300.370 euros.

O portavoz do goberno informou, ademais, de que xa comezaron as obras de reurbanización da rúa Espartero, adxudicada en 473.830 euros, e de que as bases da terceira convocatoria das axudas do PAME publicaranse esta semana no BOP. Nas dúas primeiras fases, o Concello abonou máis de 1,8 millóns a autónomos e pemes afectados pola crise.