Exponav dedica un novo espazo á tecnoloxía de buques do século XX

La Voz FERROL / LA VOZ

FERROL CIDADE

CEDIDA

Está situado na primeira planta

17 ene 2021 . Actualizado ás 23:33 h.

O Museo da Construción Naval acaba de abrir ao público un novo espazo expositivo, centrado nalgunhas mostras da tecnoloxía que se utilizaba nos estaleiros e nos buques ata a segunda metade do século XX.

A nova exposición está situada na primeira planta, a continuación da zona dedicada á antiga Astano, e reúne pezas que o xerente da Fundación Exponav, José María Cardona, foi reunindo nos últimos tempos.

Entre as pezas que se poden contemplar destacan un cadro de electricidade realizado en Ferrol nos anos 30 en material de mármore, cuns contactores de coitela manuais que permitían o paso de gran intensidade de corrente.

Trátase dun aparello de gran tamaño, de sete metros de longo e tres de alto, que ocupa ao completo un dos laterais da sala de exposición, e que procede da bancada número 1 de Navantia.

Tamén hai sintonizadores de radio, doados pola Compaña Loxística de Hidrocarburos, ata un computador IBM que na época permitía conectar 80 monitores e impresoras e que foi todo un avance porque posibilitou a creación de bases de datos de gran tamaño. E hai, así mesmo, unha marbeteadora para etiquetas de chumbo.