Os casos activos baixan despois de tres días de ascenso pero os hospitalizados soben de 45 a 51 pacientes

FERROL CIDADE

JOSE PARDO

No acumulado de novos contagios en 14 días os únicos concellos que seguen á alza son As Pontes, Pontedeume e Neda

25 novs 2020 . Actualizado ás 15:47 h.

A curva do covid-19 comeza a descender lixeiramente na área sanitaria de Ferrol tras dous días de subida dos contagios. Segundo os datos facilitados este mércores pola Consellería de Sanidade, os casos activos sitúanse en 689, oito menos que onte; e nas 575 PCR realizadas confirmáronse 19 novos contagios.

No entanto, a presión hospitalaria increméntase, xa que nas plantas covid do Marcide están ingresados 41 pacientes, seis máis que a véspera; e na unidade de coidados intensivos segue habendo dez.

As cifra de vítimas mortais tamén subiu a 68, tras o falecemento dunha muller de 88 anos diagnosticada de coronavirus e con patoloxías previas que estaba no seu domicilio de Fene.

Desde o inicio da pandemia hanse contaxiado 3.130 persoas, das que 2.371 lograron superar a enfermidade.

Nese mesmo período hanse realizado 59.222 PCR e 27.736 probas serológicas.

En canto ao mapa de novos contagios confirmados por probas diagnósticas de infección activa nos últimos 14 días, os únicos concellos nos casos seguen subindo son As Pontes, que pasou de 36 a 41; Pontedeume, de 47 a 48; e Neda, de 14 a 16. Tamén xurdiron contagios, entre 1 e 9, no municipio de Cerdido, que días pasados estaban sen ningún novo caso en dúas semanas.

Pola súa banda, Ferrol baixa de 189 a 174; Narón de 139 a 133; Ares, de 13 a 11; e Monfero de 12 a 11; mentres que Fene se mantén en 32 novos casos activos en 14 días. Os restantes concellos da área sanitaria de Ferrol teñen entre 1 e 9 novos contagios detectados nese mesmo período, fóra de Mañón, que está sen ningún.