A Semana das Persoas Xordas pon o foco nos problemas da nova normalidade
28 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.Imaxínase chegar ao seu lugar de traballo e non poder entender a ningún dos seus compañeiros? Non seguir o ritmo dunha clase ao non poder interactuar? Ir a unha consulta médica e non poder comunicarse co doutor? Son os retos aos que se enfrontan as persoas xordas, un colectivo especialmente agraviado pola obrigatoriedade de portar máscara pola crise do covid-19. Por iso, a conmemoración da Semana Internacional das Persoas Xordas cobrou este ano unha tinguidura máis reivindicativa que lúdico.
«Se xa de seu a situación é complicada, imaxina agora que vas pola rúa e non sabes se alguén che está falando. Fixemos varias reivindicacións pero o máis importante foi a concentración do sábado. Aínda que hai moitas cuestións que reivindicar centrámonos en pedir intérpretes nos hospitais. É súper necesario, a crise afectou moito ás persoas xordas», explica María López, coordinadora da entidade.
Durante a última semana, a Asociación Persoas Xordas de de Ferrolterra participou en varias actividades para reclamar os dereitos de quen sofren unha discapacidade auditiva. Na zona hai máis de 1.300 persoas nesta situación, oito na comarca do Ortegal, 82 no Eume e 1.244 en Ferrolterra. Un dos medios a través dos que fixeron especial fincapé foi o das redes sociais, sumándose ao reto internacional de subir vídeos signando o lema A lingua de signos é para todos e todas. «Con representantes de concellos da comarca como Ferrol, Narón, Mugardos, Pontedeume... realizamos varios vídeos. Necesitamos que o ámbito político se conciencie sobre isto», remarca López.
A entidade conta nestes momentos con 72 socios e incrementou o seu volume de traballo debido á crise do covid-19. O principal reto: a atención sanitaria por vía telefónica e presencial sen un acompañante. «Agora mesmo a atención sanitaria é por vía telefónica e as persoas xordas están limitadas, non teñen a mesma información. Desde a entidade intentamos avisar a eses ambulatorios ou residencias conforme o noso usuario é unha persoa xorda. Pero atopámonos con moitísimos problemas, como cando o médico non chama á o hora da cita», expón a coordinadora. Do mesmo xeito que pon o foco na asistencia a consulta cun intérprete. «De forma presencial, coas máscaras, a comunicación é moito máis difícil para as persoas xordas. E agora mesmo en moitos servizos do ámbito sanitario non se permite o acompañamento. É necesario que se saiba que o intérprete é un servizo. Pode e debe entrar co usuario», recalca a responsable.
Son só dous exemplos dos problemas do día a día aos que se enfrontan na nova normalidade. «Retrocedemos, pero en calquera ámbito. Agora todo funciona co ‘chama e pide cita', e se non podes, que?», advirte.