As librerías reviven en plena campaña de volta ao cole

FERROL CIDADE

I. VALERIO

Un tempo novo para un sector fundamental

26 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

As librerías, para as que xa non corrían bos tempos, sufriron o golpe da pandemia cunha caída de vendas que algunhas tratan de paliar coa campaña de libros de texto, que para máis inri, este ano atrasouse mais alá do inicio de curso. E é que moitos pais, cóntanos Antonio Martínez, o presidente da asociación de libreiros na zona de Ferrolterra, «preferiron agardar a ver se se iniciaba o curso para non gastar en balde no caso de que ao final houbese que volver encerrarse en casa». Por iso, atopamos a Antonio, coa súa librería en Narón, chea de xente. Non compran literatura nestes días, pero si libros de texto e material escolar. Este ano todo de golpe. Mentres, a I Volta ao Libro pasou onte polas 7 grandes cidades de Galicia, cunha última etapa en Ferrol. Un grupo de ciclistas percorreron cada unha das cidades galegas facendo paradas nas etapas-librerías establecidas e invitando á xente a participar nun sorteo de vales de libros. A final de ano realizarán unha segunda Volta, na que os ciclistas percorrerán outras localidades de Galicia como Narón.

I. VALERIO

Impresión todo terreo

Pasaron vinte anos desde que a finais do século pasado Miguel Faraldo puxo en marcha en Ferrol a primeira imprenta dixital, Area 7, á que recentemente incorporou un plóter de gran formato e de última xeración, capaz de imprimir vinilos como o que desde onte loce a fachada do teatro Jofre con motivo do Día Mundial do Corazón. É como unha impresora das de casa, pero cunha boca de 1,60 metros de ancho e unha calidade de impresión excepcional. Pode con todo, lona, lenzos, papel, vinilos, mesmo con calidade fotográfica. Por iso en ocasións vémoslles imprimindo a gran formato fotografas en vinilo para exposicións, ou simplemente para decorar espazos. Conta Miguel que hai quen vinila mobles e previamente acode a eles para plasmar imaxes no vinilo e darlle un aire diferente por exemplo a mesas que logo locen doutro xeito. Desde o máis sinxelo traballo de imprenta, ata a impresión de pezas de roupa e sobre todo máscaras fan que en Área 7 non paren.

I. VALERIO

Fogares confortables

Hai unha tendencia a facer os fogares máis confortables que está vixente desde que fomos confinados. Por iso, na nave comercial de Algodón Azul, na Gándara, están satisfeitos de como vai a tempada. A piques de rematar o mes das ofertas en roupa de fogar, Andrés e Alejandro Permuy, aférranse ao negocio que lles serviu de táboa de flotación en tempos de pandemia. Apuntan que «as vendas en confección baixaron, mentres que a roupa de cama, baño e mesa mantén o seu tirón». Por iso, os irmáns Permuy, que tamén rexentan Fan Internacional en Ferrol, van máis aló, e mesmo estudan a posibilidade de dar un xiro ao negocio de confección da rúa Real, onde iniciaron xa, un proceso de transición ao téxtil de fogar da liña Algodón Azul. Mentres falamos con eles segue o fluxo de clientes, claro que se lamentan de que a parálise das fábricas halles deixado desabastecidos dalgúns produtos que sempre teñen elevada demanda.